HomeXunta de GaliciaA Xunta salienta a colaboración coa Hermandad Gallega de Venezuela e co...

A Xunta salienta a colaboración coa Hermandad Gallega de Venezuela e co resto de centros galegos do país a pro da atención social da cidadanía do exterior

- Anuncio -spot_img
  • José González visitou a Oficina Social e o Centro de Día da Hermandad Gallega de Venezuela, ambos apoiados polo Goberno galego, destacando o seu papel esencial na atención directa á colectividade galega
  • Durante o percorrido, puxo en valor a Oficina Social como un recurso clave para facilitar o acceso ás axudas públicas, con acompañamento personalizado, apoio na xestión e orientación para iniciar procesos de retorno a Galicia
  • Pola súa parte, indicou que o Centro de Día se consolida como un espazo fundamental de coidado e acompañamento ás persoas maiores, promovendo o benestar integral e a loita contra a soidade non desexada
  • Na reunión cos centros galegos do país, o conselleiro incidiu na súa función social como rede de apoio imprescindible para detectar necesidades, canalizar recursos e atender ás persoas máis vulnerables nun contexto de especial complexidade política
  • No eido cultural, salientou a súa contribución á difusión da cultura e da identidade galega, destacando como exemplo a estrea do documental ‘Un pasaje de ida y de vuelta. Venezolanos y gallegos’ á que asistiu no Teatro Rosalía da propia Hermandad

No marco da súa viaxe institucional a Caracas, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou a Oficina Social e o Centro de Día da Hermandad Gallega de Venezuela e mantivo un encontro cos presidentes de distintos centros galegos do país, co obxectivo de coñecer de primeira man a súa situación, así como os seus principais retos e necesidades. Durante a visita, puxo en valor o papel esencial destas entidades como canles para garantir que as diferentes liñas de axuda de carácter social impulsadas polo Goberno galego cheguen de maneira eficaz ás persoas e familias que máis o precisan.

Ao longo da xornada, o conselleiro tivo ocasión de comprobar o funcionamento da Oficina de Atención Social que a Hermandad Gallega de Venezuela xestiona en colaboración coa Xunta, un punto de referencia fundamental para a comunidade galega no país. Neste espazo, puido verificar o labor de acompañamento ás persoas no acceso ás distintas axudas e programas sociais, mediante asesoramento personalizado, apoio na tramitación e a prestación de servizos básicos orientados a cubrir necesidades esenciais. Así mesmo, destacou o papel desta oficina como porta de entrada para iniciar procesos de retorno a Galicia no marco da Estratexia Galicia Retorna. Este modelo de atención, baseado na proximidade e na resposta áxil ás situacións de vulnerabilidade, foi cualificado polo conselleiro como un exemplo de política útil e centrada nas persoas.

José González visitou tamén o Centro de Día da entidade, igualmente apoiado pola Xunta, onde se ofrece atención e acompañamento diario, especialmente ás persoas maiores da colectividade. Este recurso cumpre unha función social clave ao combater a soidade non desexada, promover o benestar físico e emocional e contribuír a garantir a dignidade das persoas usuarias.

Reunión cos centros galegos de Venezuela

No marco da súa axenda en Caracas, o conselleiro mantivo tamén un encontro cos responsables de distintos centros galegos de Venezuela, no que se analizaron as principais necesidades da colectividade e se exploraron novas vías de colaboración co obxectivo de reforzar os vínculos coa Galicia territorial e mellorar a atención ás persoas galegas residentes no país.

González salientou o compromiso da Xunta co labor destas entidades, puxo en valor o modelo de colaboración institucional e subliñou a importancia de seguir apoiando tanto a súa actividade cultural e comunitaria como a súa función social, especialmente no contexto actual.

No ámbito cultural, destacou que o seu papel continúa a ser clave na difusión da cultura e da identidade galega alén das fronteiras. Neste contexto, tivo ocasión de asistir á estrea do documental Un pasaje de ida y de vuelta. Venezolanos y gallegos, celebrada no Teatro Rosalía de Castro da propia Hermandad.

Proxección do modelo galego de atracción de talento en Quito

Tras o seu paso por Venezuela, mañá o conselleiro José González trasladarase a Ecuador para participar no encontro El futuro de la migración laboral y la movilidad de talento en América Latina, organizado polo Goberno de Ecuador e o Banco Mundial en Quito.

Alí compartirá o modelo galego de atracción de talento exterior no marco dun foro de referencia internacional que reunirá a responsables institucionais, organismos multilaterais e expertos de España, Europa e América Latina para abordar os retos e oportunidades da mobilidade laboral.

Publicacións Relacionadas