Este venres 27 Manuel Solla chega con ‘Quero unha mascota’, un espectáculo de animación con maxia para nenos e nenas de 1 a 3 anos. Ás 18.00 h con entrada de balde
A biblioteca municipal do Rosal converterase nun pequeno universo de fantasía cunha nova cita cos ‘Venres Rebuldeiros’, un ciclo de actividades dirixidas á primeira infancia xa consolidado que transforma cada encontro nunha experiencia de aprendizaxe e diversión para a rapazada.
Nesta ocasión, o protagonista será o espectáculo “Quero unha mascota”, co que Manuel Solla achega unha proposta pensada especialmente para nenos e nenas de 1 a 3 anos na que se mesturan contacontos, animación con maxia e máis de doce monicreques a tamaño real. A actividade celebrarase este venres 27 de marzo ás 18.00 horas na biblioteca, con entrada libre.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destaca “o valor destas iniciativas para o desenvolvemento da infancia, ofrecendo á nosa rapazada espazos nos que poidan medrar rodeados de cultura, creatividade e emocións compartidas. Os ‘Venres Rebuldeiros’ son unha oportunidade para aprender xogando e para fortalecer os vínculos en familia”.



