O BNG do Salnés continúa coa súa programación de actividades arredor do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, coa organización dun acto público baixo o formato de “Café feminino”, un espazo de encontro e reflexión sobre os retos actuais do feminismo.
Baixo o título “Que está a pasar na rede? Machosfera, tradwives e outras violencias dixitais”, o acto abordará o impacto das novas formas de machismo que están a xurdir nas redes sociais e no ámbito dixital, así como as súas consecuencias especialmente entre a xente nova.
No encontro participarán Mar Pérez, responsable do BNG da Área da Muller no Salnés, e Paula Tubío, psicóloga e formadora en igualdade e prevención da violencia de xénero, que achegarán unha visión experta sobre esta realidade e abrirán un espazo de diálogo coas persoas asistentes.
O acto terá lugar o venres 27 de marzo ás 20:30 horas na Cafetería Brothers de Cambados e está aberto á participación de todas aquelas persoas interesadas en coñecer e debater sobre esta problemática social en aumento.



