HomePontevedraO BNG de Vigo cuestiona as cifras inventadas de Caballero sobre o...

O BNG de Vigo cuestiona as cifras inventadas de Caballero sobre o arboredo da cidade e esixe a fin do arboricidio permanente

- Anuncio -spot_img

Vai solicitar aos servizos municipais información detallada de todas as árbores plantadas desde 2007 e tamén de todas as talladas e retiradas para coñecer o “verdadeiro saldo verde”

A fronte nacionalista denuncia que cada ano se produce unha media de 1.000 tallas e reclama un plan de protección do arboredo urbano

Xabier P. Igrexas: “Frente as mentiras do alcalde-leñador, desde o BNG defendemos que o arboredo xoga un papel absolutamente vital no equilibrio ecolóxico da cidade para avanzarmos cara a un Vigo máis sustentábel e habitábel”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo cualificou de “nova soflama propagandística” as declaracións do alcalde Abel Caballero, que afirmou este martes que o seu Goberno plantou 35.000 árbores desde 2007, e acúsao de insultar a intelixencia da veciñanza “que o que percibe e padece a pé de rúa é un arboricidio permanente”. A fronte nacionalista anuncia que solicitará formalmente aos servizos municipais do Concello a relación detallada de todas as árbores plantadas e tamén das talladas ou retiradas neste período.

“Estamos diante de cifras redondas, moi vistosas pero sen ningún respaldo concreto, sen datos nin probas que as acrediten”, criticou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que lembrou que o propio rexedor falaba o ano pasado de 30 mil árbores. “Non sabemos se nas contas da leiteira de Caballero tamén computan como árbores as palmeiras de metal con luces que instala polo Nadal nunha Porta do Sol que segue a ser un ermo gris”, ironizou.

Arboricidio constante

O portavoz municipal nacionalista contrapuxo as afirmacións do alcalde cos datos achegados por organizacións ambientais como Amigas das Árbores, que alertan da talla dunha media de 1.000 árbores ao ano na cidade. Segundo estas estimacións, nos últimos 15 anos desapareceron en Vigo máis de 13.500 árbores. Aliás, cuestionou tamén o diferente valor ambiental das árbores de grande porte que son talladas cos novos exemplares que se “chantan como adorno nas beirarrúas humanizadas”.

Igrexas atribuíu esta situación á falta dunha política seria de protección do arboredo e criticou o actual plan municipal de poda, “de apenas cinco páxinas”, que non cumpre os mínimos criterios técnicos e funciona como unha “carta branca para o maltrato das árbores”. A isto sumou o “incumprimento continuado” da ordenanza municipal de medio ambiente por parte do propio Goberno local.

Saldo verde

Fronte ao que cualificou de “discurso fake” de Caballero, o BNG reclamará información oficial para coñecer o balance real do arboredo na cidade. “Queremos que os servizos municipais nos digan, de maneira detallada, cantas árbores se plantaron e cantas se eliminaron para coñecermos o saldo verde. Porque dato, mata relato”, afirmou Igrexas.

Desde o Bloque defenden o papel “vital” do arboredo no equilibrio ecolóxico urbano e na mellora da calidade de vida. Por iso, frente as mentiras do “alcalde-leñador” reiteran a súa proposta de impulsar un Plan de protección do arboredo urbano, orientado a garantir o “dereito social ás árbores”.

“O que defendemos é un Vigo moito máis verde, máis sustentábel e habitábel, no que as viguesas e vigueses teñan garantido algo tan básico como o acceso a espazos con arboredo”, concluíu Igrexas.

Publicacións Relacionadas