– Carmela López reuniuse este mércores co titular da Xunta de Galicia para urxirlle dez medidas que considera prioritarias para reforzar os servizos públicos, apoiar o municipalismo e impulsar o desenvolvemento económico e social do territorio
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, mantivo este mércores pola tarde unha reunión institucional co Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, no despacho presidencial de San Caetano, nun encontro que se prolongou durante case dúas horas e no que se abordaron os principais retos e necesidades da provincia.
A reunión fora solicitada pola Presidenta no mes de xaneiro, coincidindo co inicio do seu mandato á fronte da institución provincial, co obxectivo de establecer unha canle directa de diálogo e cooperación entre ambas administracións. No encontro tamén participaron o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e o Vicepresidente Primeiro da Xunta de Galicia, Diego Calvo.
Unha folla de ruta para o futuro da provincia
Durante a xuntanza, Carmela López fixo entrega ao Presidente da Xunta do documento Decálogo para o futuro da provincia de Lugo, no que se recollen dez liñas estratéxicas orientadas a reforzar os servizos públicos, apoiar o municipalismo e impulsar o desenvolvemento económico e social do territorio.
Este documento estrutúrase arredor de ámbitos clave como a administración local, os servizos sociais, as infraestruturas, a sanidade, a educación, o ámbito universitario, a política industrial, a vivenda, o transporte público e a prevención de lumes forestais.
No ámbito institucional, a Deputación trasladou as alegacións presentadas ao anteproxecto de Lei de Administración Local de Galicia, incidindo na necesidade de revisar en profundidade o texto para garantir o respecto á autonomía local. Neste sentido, a Presidenta advertiu de que o actual anteproxecto amplía as obrigas e competencias dos concellos e deputacións sen incorporar un financiamento suficiente, o que pode comprometer a súa capacidade de actuación. Así mesmo, puxo o acento na importancia de definir con claridade as competencias municipais e de garantir un modelo de financiamento estable, transparente e adaptado á realidade do territorio.
López trasladou aos medios de comunicación a boa acollida que tiveron as alegacións da Deputación ao anteproxecto, “agradeceu o ton construtivo das nosas propostas e o Presidente comprometeuse a fixar un novo encontro Xunta-Deputación despois da Semana Santa para analizar as alegacións presentadas por nós nese sentido”.
“Un non rotundo ás residencias”
En materia de servizos sociais, López puxo en valor a rede pública provincial de centros de atención a maiores, que proxecta 18 residencias que supoñen máis de 650 prazas e centos de empregos directos, e trasladou a necesidade de que a Xunta participe no seu financiamento ou as integre na rede autonómica. “Rueda dixo un non rotundo a colaborar coas nosas residencias ata que a Xunta de Galicia non teña rematado o seu plan de residencias, pero as competencias de servizos sociais son da Xunta e non pode esquecerse”.
Así mesmo, incidiu na situación do Servizo de Axuda no Fogar, no que o incremento de custos está a recaer de maneira crecente nos concellos, polo que se solicitou a actualización dos módulos autonómicos para garantir a súa viabilidade. “Falamos de servizos esenciais nos que a competencia é autonómica e nos que é necesaria unha maior implicación da Xunta”, sinalou.
No ámbito das infraestruturas, abordáronse proxectos estratéxicos para a provincia, como a VAC Costa Norte na Mariña, a Rolda Leste de Lugo ou a autovía Nadela–Monforte, destacando a importancia de avanzar na súa execución para mellorar a conectividade e favorecer o equilibrio territorial.
Transferencias de estradas provinciais
Tamén se expuxo a conveniencia de transferir á Xunta aquelas estradas provinciais que, polas súas características, cumpren unha función de vertebración autonómica. Ambos mandatarios acordaron crear un grupo de traballo técnico para abordar a transferencia de estradas de titularidade provincial, “foi sensible con este tema, tendo en conta que temos a rede viaria provincial máis grande do país, con 4.200 quilómetros”.
En relación coa sanidade, tratouse a situación da atención primaria, especialmente no rural, con exemplos de concellos con dificultades para cubrir prazas médicas ou pediátricas (O Vicedo ou Abadín, onde a veciñanza se manifesta de maneira recorrente para urxir unha solución”. Así mesmo, Carmela López transmitiulle a perda de capacidade dos hospitais comarcais da Mariña e Monforte. Neste sentido, trasladouse a necesidade de reforzar cadros de persoal, mellorar as condicións profesionais e garantir a cobertura asistencial en todo o territorio.
O titular da Xunta amosouse consciente da situación, “dixo que era difícil cubrir certas prazas, e asumen o problema porque aluden á falta de facultativos e admitiu dificultades para afrontar esta situación”
No eido educativo, púxose o foco no reforzo do ensino público, especialmente nos centros do rural, incidindo na necesidade de incrementar o profesorado e, en particular, os recursos de atención á diversidade .
Formación audiovisual da Deputación
Carmela López puxo en valor a oferta de dous ciclos de Formación Profesional de grao superior en Realización e Produción de Proxectos Audiovisuais e Espectáculos da Deputación de Lugo, un recurso formativo público consolidado que dá servizo a alumnado procedente das catro provincias galegas.
A Presidenta trasladou a importancia de recoñecer e reforzar este centro, tanto polo seu carácter especializado nun sector estratéxico como pola súa contribución a unha distribución máis equilibrada da oferta educativa en Galicia. Neste sentido, propúxose avanzar en vías de colaboración coa Xunta que permitan integrar esta formación no sistema público autonómico, garantindo a súa estabilidade e continuidade.
Trátase, ademais, dunha infraestrutura xa en funcionamento e plenamente operativa, que permite ampliar a oferta formativa sen necesidade de realizar novos investimentos en equipamentos, ao tempo que contribúe a xerar oportunidades formativas e profesionais vinculadas ao ámbito cultural e audiovisual desde a provincia de Lugo.
Desenvolvemento económico e cohesión territorial
A reunión tamén serviu para abordar cuestións relacionadas co desenvolvemento económico, entre elas a necesidade de impulsar unha planificación industrial para Galicia que favoreza a implantación de proxectos viables e a creación de emprego de calidade na provincia, prestando especial atención ao equilibrio territorial. Neste sentido, “falamos de sectores estratéxicos como a madeira, o leite ou a acuicultura para a nosa provincia”
Así mesmo, tratáronse aspectos vinculados á vivenda —apostando por incrementar a oferta pública e mobilizar vivendas baleiras—, ao transporte público —co obxectivo de revisar rutas e frecuencias para adaptalas á realidade do rural— e á prevención dos lumes forestais, incidindo na necesidade de reforzar medios, financiamento e coordinación institucional para afrontar este reto estrutural
Agasallos institucionais
Ao remate da reunión, a Presidenta da Deputación fixo entrega ao Presidente da Xunta dunha cesta con produtos gastronómicos da provincia —mel de Taboada, aceite de Quiroga, queixo San Simón de Vilalba, bonito de Burela e viño Guímaro da Ribeira Sacra— como mostra da riqueza e calidade dos produtos lucenses.
Pola súa banda, o Presidente da Xunta entregoulle á Presidenta provincial unha figura dun peregrino de Sargadelos e un suadoiro da marca Galicia Calidade
Vontade de colaboración
A Presidenta da Deputación destacou o carácter institucional do encontro e subliñou a importancia de manter unha colaboración fluída entre administracións para avanzar nas prioridades da provincia. “Eu valoro moito a escoita, é unha das premisas que articulan a miña maneira de traballar e foi un encontro de escoita e intercambio de impresións”.
Neste sentido, sinalou que o decálogo presentado constitúe unha base de traballo para continuar afondando no diálogo e na cooperación institucional, co obxectivo de dar resposta ás necesidades da cidadanía e contribuír ao desenvolvemento equilibrado de Lugo.



