HomeOurenseO PP de Ourense participa na mobilización en defensa dun tren útil...

O PP de Ourense participa na mobilización en defensa dun tren útil na Gudiña e critica a ausencia do PSOE nunha reivindicación clave para a provincia

- Anuncio -spot_img

·        “Seguiremos apoiando todas aquelas iniciativas que defendan a igualdade de oportunidades e o dereito á mobilidade dos ourensáns, especialmente das zonas do interior, que non poden seguir sufrindo decisións inxustas e discriminatorias”, sinala o Partido Popular de Ourense

·        Para os populares, a actitude do PSOE, ao non participar na manifestación, evidencia “unha falta de coherencia e compromiso coa defensa real da mobilidade do interior da provincia”, subliñando que “cando se trata de defender os intereses dos ourensáns, é necesario estar ao lado da cidadanía, tamén nas mobilizacións”

O Partido Popular de Ourense participou hoxe na mobilización convocada pola Plataforma Dereito ao Tren en defensa dun servizo ferroviario útil na estación Porta de Galicia-A Gudiña, unha mobilización diante da Subdelegación do Goberno para reclamar máis frecuencias e horarios axeitados que garantan o dereito á mobilidade do interior da provincia.

Representantes institucionais, alcaldes das comarcas afectadas, cargos públicos e afiliados do PP de Ourense sumáronse a esta convocatoria, reiterando o seu compromiso coa defensa dun tren útil e co desenvolvemento equilibrado do territorio. Desde o partido sinalaron que esta mobilización responde a unha demanda “xusta e necesaria” para as comarcas do oriente ourensán, que dependen da estación da Gudiña como principal acceso á alta velocidade.

O Partido Popular lembra que nos últimos meses vén reclamando a recuperación de frecuencias e melloras nos horarios ferroviarios, tras a supresión de paradas e conexións que afectaron a milleiros de usuarios da provincia. Neste sentido, os populares puxeron en valor o traballo realizado a través de iniciativas parlamentarias e mobilizacións sociais, que contribuíron á recuperación dunha frecuencia matinal temperá na estación da Gudiña, unha rectificación que consideran “un paso na boa dirección, aínda que insuficiente”.

Así mesmo, o PP de Ourense subliña que a mobilización social foi clave para lograr avances e insistiu en que “é necesario seguir defendendo novos horarios e máis frecuencias que permitan desprazamentos razoables e favorezan a cohesión territorial”.

Crítica á ausencia do PSOE

Os populares lamentan que o PSOE de Ourense non secundase esta mobilización, a pesar de tratarse dunha reivindicación histórica da provincia e dunha demanda social amplamente compartida.

Consideran tamén “incomprensible” esta ausencia, especialmente cando os socialistas destacan publicamente a recuperación de frecuencias como un logro propio, tal e como fixeron recentemente en declaracións sobre a estación da Gudiña.

Para os populares, esta actitude evidencia “unha falta de coherencia e compromiso coa defensa real da mobilidade do interior da provincia”, subliñando que “cando se trata de defender os intereses dos ourensáns, é necesario estar ao lado da cidadanía, tamén nas mobilizacións”.

Compromiso coa mobilidade e coa cohesión territorial

O PP de Ourense reitera o seu compromiso coa defensa dun tren útil para a provincia e anunciou que continuará traballando desde todas as institucións para garantir mellores conexións ferroviarias, horarios máis axeitados e servizos que contribúan ao desenvolvemento económico e social do territorio.

Os populares ourensáns advirten que seguirán apoiando con firmeza “todas aquelas iniciativas que defendan a igualdade de oportunidades e o dereito á mobilidade dos ourensáns, especialmente das zonas do interior, que non poden seguir sufrindo decisións inxustas e discriminatorias”, afirma o Partido Popular de Ourense.

Publicacións Relacionadas