O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na xornada inaugural deste evento, que converte a Expourense nun lugar de encontro entre universidades e centros educativos para orientar ao alumnado e ás súas familias no seu futuro profesional
Menor fixo especial fincapé na importancia da cooperación institucional para sacar adiante proxectos desta índole que ofrecen “un espazo de innovación e colaboración educativa”
Así mesmo, o presidente provincial destacou a idoneidade de celebrar este evento en Ourense onde contamos co Centro de Innovación da Formación Profesional “Eduardo Barreiros”, un “espazo de vangarda para a comunidade educativa e para o sector produtivo de Galicia”
A Deputación de Ourense estará participando estes días na Feira a través da Escola de Danzas, de Gaitas, o Obradoiros de Instrumentos e a Escola de Artes e Oficios con actividades que darán boa conta da oferta educativa que se presta nestas institucións de referencia na cidade
A segunda edición da Feira “Educa Ourense. Espazo de Innovación e Colaboración Educativa”, que se celebra hoxe e mañá 26 de marzo en Expourense, demostra que esta iniciativa “veu para quedarse e para medrar” e que nos permite “poñer en valor o excepcional traballo que se fai desde Ourense a prol da educación”, asegurou hoxe o presidente da Deputación, Luis Menor, durante a visita inaugural á feira.
Froito da colaboración entre a Deputación, a Xunta e Expourense chega a segunda edición deste evento, que tralo éxito acadado o ano pasado converteuse nun lugar de encontro entre universidades e centros educativos para orientar ao alumnado e ás súas familias no seu futuro profesional.
Luis Menor fixo especial fincapé na importancia da cooperación institucional para sacar adiante proxectos desta índole que ofrecen “un espazo de innovación e colaboración educativa”. Unha cita que permite dar continuidade á orientación académica e facilitar unha adecuada elección na toma de decisións sobre o futuro profesional do alumnado, sendo un espazo de referencia para todos os axentes educativos.
Neste sentido, o presidente provincial destacou a idoneidade de celebrar este evento en Ourense onde contamos co Centro de Innovación da Formación Profesional “Eduardo Barreiros”, un espazo de vangarda para a comunidade educativa e o sector produtivo de Galicia. Un proxecto froito tamén da colaboración entre a Deputación de Ourense e a Xunta “no que se fan proxectos de gran innovación, de tanto nivel educativo e crecemento”, sinalou o presidente provincial.
Esta feira, que permitirá ao alumnado coñecer de primeira man a oferta educativa plural, variada e de calidade que hai, “tamén nos permitirá dar conta do excelente sistema educativo que temos en Galicia e en Ourense”, apuntou Menor, “produto da aposta da Xunta e temos que mostralo nun lugar excepcional como é Expourense”, dixo Menor.
Participación da Deputación de Ourense na Feira “Educa Ourense”
A Deputación de Ourense tamén está presente na feira estes dous días a través dos distintos centros de formación que posúe, como a Escola de Danzas, da Escola de Gaitas, do Obradoiro de Instrumentos e da Escola de Artes e Oficios, “unha oferta educativa que entronca coa nosa cultura e tradición e que complementa á demais”. sinalou o presidente provincial.
Por elo, durante a feira, os asistentes poderán coñecer a súa oferta a través de obradoiros de baile tradicional, teares, xogos populares, clases de gaitas, pandeireta, canto, percusión ou demostracións de construción de instrumentos como a pandeireta ou o torno, entre outros.



