Trátase dun proxecto con fondos europeos liderado dende o IES Ribeira do Louro do Porriño, coa colaboracion do Concello e empresas líderes do sector como Coperfi
O vídeo “Terra de Canteiras” narra a historia da pedra desde a súa extracción na canteira ata a súa incorporación na obra. Ao longo deste percorrido, móstranse diferentes perfís profesionais, na súa maioría de mulleres que traballan nas fases de extracción, transformación, deseño e construción
O IES Ribeira do Louro, en colaboración con empresas líderes do sector e o Concello do Porriño, presentou hoxe CONSTIC, unha estratexia integral deseñada para mellorar as competencias e o acceso das mulleres aos sectores da construción e as TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación).
Como punta de lanza desta iniciativa, presentouse o vídeo “Terra de Canteiras”. Esta peza audiovisual realiza un percorrido emocional e técnico pola vida dunha pedra: desde a súa extracción na canteira ata a súa colocación final en obra. O fío condutor son os testemuños de mulleres que ocupan postos clave en toda a cadea de valor: operarias de extracción, enxeñeiras, arquitectas e empresarias que lideran o sector desde a innovación.
Fíxose nun acto no salón de plenos do Porriño, onde estiveron presentes, ademais do equipo directivo do centro educativo porriñés, o alcalde do municipio, a concelleira de Educación ou o delegado territorial da Consellería de Educación.
“Trátase de visibilizar o talento que xa existe e de inspirar ás novas xeracións, en especial ás mulleres, para que vexan nestes sectores tradicionais, pero á súa vez cheos de innovación, unha oportunidade de futuro vinculada á tecnoloxía”, explicou o alcalde neste evento que, neste mes de marzo, enmárcase nos actos en torno ao 8M. “Grazas ao proxecto CONSTIC, estamos demostrando que esa tradición non é cousa do pasado, senón un motor de futuro que debe ser innovador, tecnolóxico e, por riba de todo, igualitario”. O rexidor destacou tamén a importancia da pedra e da arquitectura no “pasado, presente e futuro do Porriño” e ensalzou o labor que se está a realizar tanto desde a formación como no ámbito da empresa privada.
No salón de plenos tamén estiveron as verdadeiras protagonistas do vídeo e do proxecto: Alba, Pili e Ari, alumnas do IES; Milagros, exalumna e primeira muller da promoción da pedra; e Eva Groba, profesora do centro, que participaron nunha mesa redonda.
Que é CONSTIC?
CONSTIC é “unha estratexia conxunta para a mellora de competencias e acceso da muller nos sectores TIC e construción”, visibilizando as grandes profesionais que xa traballan neles. Un proxecto que nace do IES Ribeira do Louro en asociación con o IES Dr. Lluís Simarro en Xàtiva, o IES Abastos en Valencia e Atin Services no Porriño; coa colaboración de importantes empresas do sector como Coperfi, Minera de Rocas, e Godoy Maceira, e do Concello do Porriño para mellorar os sistemas de formación e o acceso das mulleres na construción e TIC, co obxectivo de fomentar a súa incorporación a estas especialidades.
Este proxecto, financiado pola Unión Europea con fondos NEXT GENERATION EU, pretende mellorar os sistemas de Formación Profesional en Construción e TIC, fomentar o acceso de mulleres a estas especialidades e impulsar a innovación educativa cun enfoque de igualdade de xénero.
Os ciclos
As alumnas que aparecen no vídeo cursaron o Ciclo Medio Dual Intensivo de Pedra Natural que imparte o IES Ribeira do Louro en convenio coas empresas do clúster do Granito e con prácticas remuneradas nestas empresas do sector, nas que os alumnos e alumnas cobran xa 800€ euros mensuais.
O vídeo
Para iso, unha das súas primeiras iniciativas é o vídeo “Terra de Canteiras”, unha peza audiovisual que narra a historia dunha pedra desde a súa extracción na canteira ata a súa incorporación na obra. Ao longo deste percorrido, móstranse diferentes perfís profesionais, na súa maioría de mulleres que traballan nas fases de extracción, transformación, deseño e construción.
O vídeo lévanos por todo o proceso: con el viaxamos a través do relato de operarias polas fases de extracción e procesamento nas canteiras e empresas do sector; con enxeñeiras e arquitectas no proceso de deseño e especificacións técnicas, e con empresarias que tamén lideran o sector. Trátase de visibilizar este talento, inspirar a economía sostible e construír un futuro con igualdade en sectores tradicionais a través da innovación e a tecnoloxía.



