HomeXunta de GaliciaA Xunta destina 8,5 M€ á nova edición das achegas para contratar...

A Xunta destina 8,5 M€ á nova edición das achegas para contratar a persoal de orientación laboral en entidades locais e sen ánimo de lucro

- Anuncio -spot_img
  • O DOG publica a convocatoria de 2026 destes apoios, cos que se prevé atender máis de 118.000 persoas desempregadas cun acompañamento personalizado e adaptado ás necesidades do territorio e que poderán solicitarse desde mañá ata o 27 de abril
  • A orde, que pode ser solicitada por concellos e entidades sen ánimo de lucro, reforza os criterios de calidade na prestación do servizo e volve dar prioridade ás zonas territoriais con menor implantación de servizos de orientación laboral
  • Con axudas de ata 33.000€ por profesional contratado, estes orientadores, xunto co persoal das oficinas de emprego, participan activamente no perfilado competencial con EMi, do que xa se beneficiaron máis de 98.000 persoas desempregadas
  • Esta medida enmárcase no proceso de potenciación do Servizo Público de Emprego e o ano pasado permitiu apoiar 262 orientadores en máis de 80 concellos e máis de 40 entidades sen ánimo de lucro, contribuíndo a mellorar a inserción laboral no territorio

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de 2026 destinada a apoiar a contratación de orientadores e orientadoras laborais por parte dos concellos e das entidades sen ánimo de lucro. A iniciativa conta cun orzamento de 8,5M€ e permitirá ofrecer acompañamento personalizado a máis de 118.000 persoas desempregadas, adaptando a atención ás necesidades reais de cada territorio.

Co obxectivo de reforzar a eficacia do servizo, a orde reforza os criterios específicos de calidade para garantir unha atención máis enfocada a resultados. Ademais, mantén a aposta por unha distribución territorial equilibrada dos novos postos financiados, priorizando aquelas zonas con menor implantación destes recursos para avanzar nunha mellor cobertura de orientación laboral no conxunto do territorio.

Os contratos subvencionados terán unha duración dun ano e a contía das axudas increméntase ata os 33.000 euros por cada profesional incorporado a tempo completo. As entidades interesadas en solicitar estes apoios poderán facelo desde mañá ata o 27 de abril.

Esta medida —enmarcada no proceso de modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) impulsado pola Xunta— busca maximizar o impacto destes profesionais na mellora da empregabilidade, especialmente no rural e entre os colectivos con maiores dificultades de inserción.

Na convocatoria do pasado ano, o Goberno galego apoiou a contratación de 262 orientadores e orientadoras en máis de 80 concellos das catro provincias e en máis de 40 entidades sociais. Cómpre salientar que estes profesionais, xunto cos arredor de 140 das 54 oficinas do SPEG, contribuíron a que máis de 155.000 persoas atopasen emprego nos seis meses posteriores a recibir orientación laboral ou participar nalgún programa do Servizo Público de Emprego.

Papel clave no perfilado competencial

Os orientadores e orientadoras elaboran diagnósticos individualizados das persoas demandantes, achegan información actualizada sobre o mercado laboral e os incentivos dispoñibles, deseñan itinerarios personalizados de inserción, asesoran sobre a oferta de formación profesional e acompañan no proceso de recoñecemento de competencias adquiridas pola experiencia. O seu labor tradúcese nun apoio continuo, especializado e adaptado á realidade de cada persoa.

Ademais, desempeñan un papel activo no perfilado competencial das persoas demandantes de emprego a través da ferramenta de intelixencia artificial EMi, destinada a axustar en tempo real as demandas de man de obra ás capacidades das persoas rexistradas, da que xa se beneficiaron máis de 98.000 persoas en Galicia. Forman parte dos máis de 400 profesionais implicados nesta tarefa estratéxica para casar con maior precisión a oferta e a demanda laboral e responder ao reto da cobertura de vacantes do tecido produtivo galego.

Ligazon á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260326/AnuncioG0767-120326-0003_gl.html

Publicacións Relacionadas