HomeXunta de GaliciaA Xunta abre mañá o prazo de adhesión para os negocios que...

A Xunta abre mañá o prazo de adhesión para os negocios que desexen adherirse á campaña dos Bonos Activa Comercio deste 2026

- Anuncio -spot_img
  • O DOG publica hoxe a orde que regula este aspecto e que permite aos establecementos que desexen participar inscribirse unha única vez para todas as edicións que se convoquen durante o ano a prol da simplificación administrativa
  • A apertura do período de inscrición dos negocios é o paso previo antes da súa activación á cidadanía, fase para a que os prazos se establecerán nas correspondentes ordes de convocatoria de cada unha das edicións do programa
  • A Xunta destinará este ano un crédito inicial de 5M€ a esta campaña, buscando revalidar o éxito da iniciativa que no 2025 conseguiu mobilizar máis de 22 M€ en máis de 7.400 comercios de toda Galicia
  • Medidas consolidadas coma esta enmárcanse no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, deseñado polo Goberno galego da man do sector co fin de seguir impulsando os máis de 32.000 establecementos comerciais de Galicia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración pola que a partir de mañá 27 de marzo abre o prazo de adhesión dos establecementos comerciais para a iniciativa dos bonos Activa Comercio. Neste sentido, os establecementos poderán sumarse unha única vez para as diferentes edicións deste ano, un sistema que se estableceu como novidade o ano pasado continuando coa liña de simplificación administrativa que impulsa o Executivo autonómico.

Atendendo ao éxito das anteriores convocatorias, o Goberno galego impulsará de novo neste 2026 os bonos Activa Comercio, de xeito coordinado co sector e cun crédito inicial de 5 M€. O obxectivo é seguir incentivando a demanda comercial e axudando economicamente ás persoas consumidoras, ao tempo que se fomentan as compras nos establecementos comerciais retallistas participantes. 

A apertura do prazo de adhesión dos negocios é o paso previo antes da súa activación á cidadanía, fase para a que os prazos se establecerán nas correspondentes ordes de cada unha das edicións do programa. Como vén sendo habitual, os bonos estarán dispoñibles en formato dixital na web www.bonosactivacomercio.gal

No 2025, a Xunta de Galicia destinou a esta iniciativa 5 M€ en descontos que propiciaron case 400.000 compras nos máis de 7.400 establecementos comercios adheridos  de toda Galicia e mobilizaron arredor de 22,3 M€. Deste xeito, supéranse os 122 M€ en vendas xeradas desde 2021 grazas a esta acción que se consolidará este ano.

Aposta polo comercio galego

Esta medida consolidada enmárcase no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, deseñado da man do sector co fin de seguir impulsando os máis de 32.000 establecementos comerciais que dan emprego a preto de 107.000 persoas en Galicia. Entre elas, as axudas xa publicadas por case 4 M€ con tres liñas compatibles entre si orientadas á dixitalización e innovación comercial, á modernización, mellora da imaxe e eficiencia e á sostibilidade ambiental. Tamén os apoios para a impulsar as actividades dos centros comerciais abertos da Comunidade, co obxectivo de reforzar a súa excelencia e a capacidade de dinamización das contornas nas que se integran (2,5 M€), o proxecto de dinamización Vilas Vivas ou o impulso da formación para avanzar na profesionalización do sector. Outras achegas son as dedicadas a impulsar unha Rede galega de Mercados Excelentes (2,3 M€) e accións novidosas como Prato de Mercado, que conecta as prazas de abastos cos restaurantes da súa contorna.

Ademais, inclúense medidas específicas orientadas á remuda xeracional e á conexión coa mocidade, como a campaña Localízate, deseñada para que a rapazada de entre 12 e 16 anos xere vencellos de valor co comercio de proximidade e da que este ano se está a potenciar unha nova edición. No eido da artesanía, destaca a futura liña de apoios por 1 M€ para a formación de aprendices en oficios artesanais ou a potenciación de iniciativas como Artesanía no Prato.

Ligazon á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260326/AnuncioG0767-130326-0004_gl.html

Publicacións Relacionadas