A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense desenvolveu esta mañá a súa sesión ordinaria desta semana, na que aprobou 17 acordos a proposta dos servizos de municipais de Licenzas, Aperturas, Patrimonio, Contratación, Facenda e Avogacía consistorial.
Licenzas (6): Concedeu 4 licenzas de obra: para rehabilitar 2 vivendas unifamiliares (no camiño Lobishome e na rúa do Hórreo), para instalar un ascensor nun edificio da rúa Río Tuño, e para construír a cuberta dunha edificación na rúa Ponte Pelamios. Tamén denegou a autorización para o proxecto de adaptación dun baixo para uso residencial na Avenida da Universidade e declarou a caducidade da licenza para 2 unifamiliares acaroadas na rúa Castro Caldelas, porque non se cumpriron os prazos legais para rematar a obra.
Aperturas (1): Autorizou a adaptación dun local comercial a boleira, cafetería e zona recreativa na rúa Samuel Eiján.
Patrimonio (1): Aprobou un pago de custas procesuais.
Contratación (3): Acordou a prórroga, por un ano, de tres contratos municipais: subministración de electricidade en alta e baixa tensión; limpeza de edificios municipais (lotes 1, 2 e 3); e mantemento de aparatos elevadores, salvaescaleiras, portas corredoiras de cristal, barreiras e portóns dos edificios municipais.
Facenda (1): Acordou revisar as tarifas máximas da concesión de obra pública para a construción e explotación dun centro deportivo e de saúde en Eiroás e para a reforma, mellora e xestión das piscinas públicas de Oira.
Avogacía consistorial (5): Deu conta dunha sentenza ditada polo Tribunal de Instancia, sección do Contencioso-Administrativo Praza número 2 de Ourense e dun auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Tamén foi informada de que o Concello comparecerá en tres procedementos diante dos tribunais de instancia do contencioso-administrativo de Ourense.



