O alcalde inaugurou os traballos, que contaron cun orzamento de 192.566 euros.
Gonzalo Jácome destaca que “por primeira vez podemos ver a máquina no seu estado orixinal”
A locomotora de vapor do barrio da Ponte recupera a súa imaxe orixinal logo da restauración integral realizada polo Concello de Ourense. O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, o concelleiro de Obras Públicas, Francisco Lorenzo, e outros integrantes do goberno municipal asistiron esta mañá á inauguración dos traballos, cuxo orzamento de licitación ascendeu a 192.566,41 euros.
No acto tamén participaron José Manuel Sinde, da empresa Reparaciones Sinde SL, encargada da restauración; Arturo Antón, da asistencia técnica de Tipologías Estructurales en madera, hormigón y acero, SL; Carlos Abellán, presidente da Asociación de Ferroviarios Europeos, e o enxeñeiro Xosé Carlos Fernández.
A locomotora de vapor 240-2072, de tipo Mastodonte, foi fabricada no ano 1927 pola construtora Tubize (Bélxica) por encargo da compañía do Ferrocarril Central de Aragón. Cedida no seu día ao Concello polo Consello de Administración de RENFE, a máquina serve de homenaxe ao persoal ferroviario no barrio da Ponte e permanece na rúa Xesús Pousa Rodríguez, fronte á estación, desde o ano 1976.
O proxecto consistiu nunha restauración fiel á súa aparencia orixinal, incidindo nun tratamento especial para o metal que o protexa da intemperie e ralentice a súa deterioración.
O alcalde cualificou a xornada como un “día histórico”, salientando que “por primeira vez podemos ver a máquina no seu estado orixinal, como saíu de fábrica”, dado que cando foi instalada na cidade en 1976 xa acumulaba 49 anos de uso. A locomotora restaurada, engadiu, “realza Ourense nun punto clave como é a estación”.



