HomeOurenseOurenseO Tribunal de Contas arquiva a denuncia de Carlos Vence, presidente do...

O Tribunal de Contas arquiva a denuncia de Carlos Vence, presidente do Cimborio, contra o Concello polo procedemento de adxudicación de autorización de barras de bar nas festas

- Anuncio -spot_img

O Tribunal de Contas arquivou a denuncia interposta por Carlos Vence, presidente da asociación O Cimborrio, polo procedemento seguido polo Concello de Ourense para outorgar as autorizacións para a instalación de barras de bar en varias festas da cidade (Entroido, O Couto, Corpus e Halloween 2025).

A denuncia aludía a “presuntas irregularidades” nestes procedementos, alegando que a Xunta de Goberno Local e o seu alcalde se apartaran “de xeito reiterado e groseiro dos procedementos administrativos aplicables para a disposición de fondos públicos, sen axustarse ás canles correspondentes e sen control previo, nin reflexo documental”. A denuncia incidía en que se omitira a “fiscalización previa preceptiva”.

O Concello achegou os expedientes das bases que regularon a concesión destes permisos, nas que os adxudicatarios se comprometían a aboar un canon “en especie”. Este consistía en pagar, a favor das empresas que indicase o Concello, os custos de eventos programados para as festas. Así, argumentou o Concello, as bases “non establecen un canon a ingresar ao Concello, senón un canon en especie e, como tal, non xera ningún ingreso para a corporación; ao non existir tal ingreso, tampouco existe ningunha das infraccións denunciadas”. O Concello acreditou, ademais, que consta de forma fidedigna o cumprimento das obrigas de pago por parte das empresas.

O Ministerio Fiscal solicitou o arquivo das actuacións ao advertir que, da documentación achegada, “non se desprende a existencia certa de feitos concretos que puidesen determinar responsabilidade contable”.

Tendo en consideración a doutrina do propio Tribunal, o auto conclúe que “o actor público non concreta nin achega indicio algún das posibles disposicións de fondos por parte do Concello de Ourense que puidesen non estar xustificados e que, consecuentemente, puidesen ocasionar un dano susceptible de ser calificado de alcance contable”. Engade que “a denuncia carece da necesaria individualización que esixe o artigo 56 da Lei de Funcionamento do Tribunal de Contas e non achega indicios xuridicamente relevantes do posible prexuízo económico ocasionado”. Polo tanto, o auto asinado pola Conselleira de Contas declara o arquivo da acción pública.

Publicacións Relacionadas