HomeDeputaciónsDeputación OurenseA Deputación aproba unha modificación de crédito de 28 M€, que permite...

A Deputación aproba unha modificación de crédito de 28 M€, que permite elevar o investimento na rede viaria provincial a unha cifra histórica: 9,5 M€

- Anuncio -spot_img

O documento aprobado esta mañá polo Pleno reserva 5 millóns para a conservación e mantemento dos 1.850 quilómetros de vías de titularidade provincial. Unha cantidade que se engade aos 4,5 millóns iniciais consignados nos vixentes orzamentos

Este expediente, o primeiro do ano, preséntase para facilitar o desenvolvemento de programas e servizos propios en infraestruturas, medio ambiente, ámbito social, cultura, deporte e promoción económica e turística do territorio

Na sesión aprobáronse tres asuntos referidos á xestión de residuos: a ordenanza do servizo de recollida e tratamento de residuos das obras de construción e demolición, así como a súa prestación patrimonial (antigos prezos públicos), e a adhesión ao novo convenio marco coa Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático en materia de envases lixeiros de papel e cartón dun só uso

Ademais aprobáronse catro mocións sobre o anteproxecto da nova Lei de Administración Local de Galicia; o transporte metropolitano de Ourense; a lei de benestar animal; e a prevención de lumes forestais

O Pleno da Deputación de Ourense, na sesión correspondente ao mes de marzo, aprobou hoxe unha modificación de crédito por un importe de 28 millóns de euros (28.040.148,01 €), o que vai permitir que a institución provincial destine a histórica cifra de 9,5 millóns de euros á rede viaria provincial.

O documento aprobado esta mañá reserva 5 millóns para a conservación e mantemento dos 1.850 quilómetros de vías de titularidade provincial. Unha cantidade que se engade aos 4,5 millóns iniciais consignados nos vixentes orzamentos.

Este expediente, o primeiro do ano, preséntase para facilitar o desenvolvemento de programas e prestación de servizos propios da Deputación en infraestruturas, medio ambiente, ámbito social, cultura, deporte e promoción económica e turística do territorio. Refórzase así a actividade ordinaria da Deputación, que no proxecto de orzamentos de 2026 tivo que axustar as súas necesidades para facilitar o financiamento do Plan CooperOU, dotado entón con 19 millóns de euros.

A modificación completarase en abril cun segundo documento que se centrará exclusivamente na cooperación cos concellos e entidades.

Os 28 millóns de euros mobilizados hoxe divídense en suplementos de créditos (19.321.067,61 €), e créditos extraordinarios (8.719.080,40 €), con cargo ao remanente de tesourería do pasado exercicio.

Entre os apartados máis destacados desta modificación figuran medio ambiente, con 7,5 M€ destinados á recollida do lixo, melloras nas instalacións e reposición da flota adscrita a esta área.

En materia de benestar achéganse 1,3 M€ para programas de carácter social en colaboración con concellos; a promoción de actividades culturais e o fomento da práctica deportiva contará con 1,6 M€, destacando neste capítulo o plan provincial de lectura (350.000 €) e unha nova liñas de axudas de formación para técnicos deportivos (20.000 €).

O Consorcio provincial contra Incendios e de Salvamento completa os seus recursos con máis de 1,4 M€, que sumados á aportación de 768.000 € para os GES e Protección Civil eleva a máis de 2,2 M€ a cantidade destinada a emerxencias.

O Inorde disporá de 450.000 € para dinamización dos recursos turísticos da provincia, ademais de cofinanciar proxectos con fondos europeos e accións vinculadas ao Plan de Sostibilidade Turística en Destino.

Esta modificación de crédito tamén inclúe outras partidas, como os 2,4 M€ do convenio coa Xunta de Galicia para o remate das obras do Parque Acuático de Monterrei; 440.000 € para a mellora das prazas de abastos, tamén en colaboración coa Xunta; e novas axudas para agricultores e gandeiros que permitan potenciar as razas autóctonas e impulsar boas prácticas de silvopastoreo e pastoreo extensivo para a redución dos niveis de biomasa (350.000 €).

Tamén se consignan recursos para o Plan de rehabilitación de vivenda (1,2 M€), máis do dobre do importe do orzamento anterior; o cofinanciamento dos Plans de Actuación Integrados (PAI): Ourense Sur (1,5 M€) e Valdeorras (500.000 €); a colaboración coa UNED (200.500 €) e a Universidade de Vigo (59.000 €); o programa EmprendOU (150.000 €); unha achega de 50.000 € para manter aberto inicialmente ata xuño o Museo Galego do Entroido, en Xinzo de Limia; ou a aportación á sociedade Meisa, que xestiona a Estación de Montaña de Manzaneda (493.725 €).

Residuos de obras e recollida de papel e cartón

Outros tres asuntos tratados no pleno refírense á xestión de residuos. Por unha banda, aprobouse a ordenanza do servizo de recollida e tratamento de residuos de obras de construción e demolición, así como a ordenanza de prestación patrimonial (antigos prezos públicos).

Estes son os dous últimos pasos necesarios para licitar o servizo e poñer en marcha as instalacións da Limia, nas que a Deputación xestionará a recepción, tratamento, clasificación e reciclaxe destes refugallos.

En terceiro lugar aprobouse a adhesión da Deputación ao novo Convenio marco de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e os Sistemas de Responsabilidade Ampliada de residuos de envases lixeiros de papel e cartón dun só uso, documento que agora adáptase aos custos que supoñen as novas normativas e o avance das tecnoloxías.

A orde do día incluía a toma de posesión do novo deputado provincial do grupo de Democracia Ourensana, Francisco Lorenzo López; a designación da deputada socialista Susana Rodríguez como representante deste grupo no Inorde; e o cambio de data da sesión correspondente ao mes de abril, que pasa ao último día do mes (30), en lugar do derradeiro venres (24), co fin compensar os festivos de Semana Santa e que haxa máis tempo para a tramitación dos expedientes que vaian ao pleno.

Nova Lei de Administración Local de Galicia

No capítulo de proposicións, a Corporación provincial deu o seu apoio a unha iniciativa sobre o anteproxecto de Lei de Administración Local de Galicia, na que se pide que a Deputación de Ourense inste ao Parlamento de Galicia a modificar o artigo 40 do anteproxecto relativo as fusións obrigatorias, sendo estas voluntarias dentro do marco constitucional de autonomía municipal.

A inclusión no réxime especial de reto demográfico de todos os municipios en declive poboacional real, así como a petición á Xunta de Galicia do financiamento do 100% do custo real das competencias e a actualización urxente do Fondo de Cooperación Local, conxelado desde o ano 2010, son outras propostas que inclúe esta moción.

Transporte metropolitano

O pleno acordou, por outra banda, pedir á Xunta de Galicia, á Deputación, e ao Concello de Ourense a que se asuman os acordos adoptados na última reunión do comité para o desenvolvemento do transporte metropolitano na comarca de Ourense.

Neste sentido solicítase que se tome como punto de partida a proposta de extensión de liñas feitas polo Concello de Ourense, sinalado que no prazo de 15 días  os concellos afectados pola extensión das liñas podan facer as súas matizacións.

Unha vez establecidos estes itinerarios, pídese informar á Xunta de Galicia para que no prazo máis breve posible -en torno a 3 meses- preséntese unha proposta de negociación coas empresas concesionarias das rutas de competencia autonómica, co fin de axustalas ao novo servizo.

As propostas nesta moción complétanse formulando que os técnicos da Deputación e do Concello de Ourense estuden os custos económicos reais sobre a base da proposta do Concello de Ourense.

Benestar animal

Tamén se aprobou unha iniciativa para a aplicación da Lei de Protección dos Dereitos e o Benestar dos Animais, na que se pide ao Goberno central e á Xunta de Galicia a creación de senllas liñas de financiamento directas, estables e anuais para a aplicación efectiva da lei.

Pídese unha distribución dos fondos baixo criterios obxectivos baseados no número de habitantes para garantir unha asignación equitativa e proporcional, tendo en conta ademais criterios como a extensión territorial, dispersión poboacional ou o carácter rural do concello.

Tamén se solicita un sistema simplificado de xustificación dos fondos e que a Deputación habilite, de modo transitorio, axudas para concellos de menos de 20.000 habitantes, condicionada a ser aprobada na próxima modificación de crédito, axudas que irían desde os 1.000 euros ata os 4.000 euros segundo tramos de poboación.

Medidas ante o risco de lumes

Por último, aprobouse unha moción sobre prevención de incendios forestais e a adopción de medidas de apoio ante o risco de lumes no verán de 2026. A iniciativa pide, en primeiro lugar, que a Mesa Provincial de Incendios publique e difunda as súas conclusións nos próximos trinta días, xunto cun calendario de implantación de medidas.

Por outra banda formúlase que se adopten en tres meses, e con cargo ao orzamento de 2026, as medidas preventivas recollidas na Mesa de Incendios da Deputación. Proponse ademais o apoio dos servizos provinciais para tramitar os expedientes de xestión da biomasa no interior dos núcleos de poboación, reforzando aos municipios rurais para cumprir a normativa de prevención.

Pídese á Xunta de Galicia que asuma con persoal propio especializado e brigadas permanentes todo o ano a xestión e limpeza das franxas secundarias que presente a nova lei integral de incendios forestais, así como o Plan Director da Industria Forestal.

Publicacións Relacionadas