O presidente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico da Deputación de Ourense e deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, agradece esta distinción, recollida polo director técnico do centro, Servando Alvarez, e que “recoñece o traballo tan ben feito ao longo dos últimos 30 anos”
O Centro de Desenvolvmento Agrogandeiro do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), organismo da Deputación de Ourense, foi recoñecido este ano co Premio Semente 2026 na categoría de Compromiso Ambiental. O galardón, que destaca o labor de institucións e empresas na protección do contorno, foi entregado esta tarde nun evento celebrado na Casa de Brea, en Piñeira Seca (Xinzo de Limia).
O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, agradeceu esta distinción, que recolleu o director técnico do Centro Agrogandeiro, Servando Álvarez. Fernández subliña o valor estratéxico de aliñar o progreso económico co respecto pola natureza: “Este premio é un orgullo para todas as persoas que integran este centro, ademais de ser un pulo para seguir traballando nun modelo de desenvolvemento que entende que o futuro de Ourense e do seu rural pasa, inevitablemente, por respectar e poñer en valor o noso patrimonio natural.”
Con este recoñecemento a 30 anos de traballo, o Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro reafirma o seu papel como motor dunha economía verde e responsable, estreitamente ligada á identidade do territorio ourensán.



