O Concello programa catro actividades de balde que combinan natureza, patrimonio e experiencias sensoriais para todos os públicos
Contará con prazas limitadas polo que é necesario inscrición previa
O Concello do Rosal propón para esta Semana Santa unha forma diferente de descubrir o territorio cun programa de catro actividades de balde que invitan a mergullarse na natureza e no patrimonio a través dos sentidos, da historia e da experiencia compartida.
Baixo esta proposta, veciñanza e visitantes poderán participar en paseos interpretativos, xogos en familia e actividades didácticas que poñen en valor espazos emblemáticos do municipio como os muíños do Folón e Picón ou o Museo do Cabaqueiro. Todas as actividades contan con prazas limitadas, polo que requiren inscrición previa.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destaca que “queremos ofrecer unha Semana Santa diferente, na que a xente poida conectar co noso territorio dunha forma máis profunda, non só mirando senón sentindo cada recuncho”. Neste sentido, subliña que “O Rosal ten unha riqueza natural e patrimonial extraordinaria e iniciativas como esta permítennos compartila dunha maneira sostible e respectuosa”.
Un dos eixos centrais da programación son os paseos sensoriais ‘Cata o lugar!’, dúas rutas interpretativas polos muíños do Folón e Picón nas que as persoas participantes poderán descubrir a contorna activando os cinco sentidos: escoitar a auga, percibir os aromas do monte, sentir as texturas ou identificar sabores ligados ao territorio. Estes roteiros celebraranse o venres 3 de 17.00 a 19.00 horas e o sábado 4 de 11.00 a 13.30 horas, cun percorrido circular de 3,5 quilómetros con forte pendente e chan irregular.
Para o público familiar, o Concello organiza tamén dúas propostas específicas. Por unha banda, ‘Primavera nos muíños’, unha actividade o xoves 2 de 11.00 a 13.00 horas que combina xogos, adiviñas e sorpresas para descubrir a cultura dos muíños en familia. Por outra, ‘Pequen@s cabaqueir@s’, o mércores 1 de 11.00 a 13.00 horas, unha experiencia para achegarse ao tradicional oficio dos telleiros a través de dinámicas lúdicas na contorna da Praza do Calvario e do Museo do Cabaqueiro.
Pola súa banda, o concelleiro de Turismo, José Carlos Martínez Crespo, salienta que “estas actividades encaixan nun modelo de turismo sostible que aposta por experiencias de calidade, respectuosas coa contorna e que poñen en valor o noso patrimonio sen masificalo”. Ademais, engade que “o obxectivo é que cada persoa que nos visite leve consigo unha vivencia auténtica, conectada coa identidade do Rosal”.
As persoas interesadas nestas actividades poderán inscribirse previamente a través do teléfono ou do WhatsApp no 677 78 32 96 ou no correo electrónico patri@amodoturismo.com.
Con esta programación, o Concello do Rosal convida a vivir unha Semana Santa diferente, na que cada paso se converta nunha oportunidade para redescubrir o territorio desde unha ollada máis consciente, sensorial e emocional.
Capital do fútbol base e dos sabores da ría
Esta Semana Santa o concello volverá converterse na capital do fútbol base con máis de 350 nenos participantes nunha nova edición do torneo internacional ORosalCup, unha cita emblemática organizada pola UD Ribera que terá lugar o 3 e 4 de abril nas instalacións deportivas da Mata. Un torneo transfronteiriza de categoría infantil na que perticiparán dous equipos de primeiro nivel portugueses.
Ademais, os vindeiros 1, 2 e 3 de abril, a Praza do Calvario acollerá a visita da campaña ‘Sabores da ría’ da Deputación de Pontevedra, que busca enaltecer as festas gastronómicas coa presenza de tres foodtrucks que darán petiscos gratuítos e repartirá agasallos. Estará de 12.00 a 18.00 horas.
Por outra banda, tras o éxito da terceira edición do roteiro ‘A lingua das aves’ e dada a alta demanda, o domingo 5 de abril o Concello celebra unha nova saída para aprender a identificar aves mediante o seu canto. Un novo percorrido dende o Parque do Tamuxe ata a Área Recreativa das Aceñas de aproximadamente un quilómetro, dificultade baixa e accesible que estará guiado por Lorena Franco, de Biophilia, e Manu Sobrino, de El Naturalista Cojo, expertos no estudo da fauna local que acompañarán aos participantes durante toda a ruta.



