A oposición frea unha proposta sen incremento de gasto que buscaba garantir o funcionamento do Concello, evidenciando unha estratexia política que prexudica directamente aos veciños e veciñas
O Concello de Pazos de Borbén viviu no pleno celebrado onte un novo episodio de bloqueo político protagonizado pola pinza entre PSOE e PP, que uniron os seus votos para impedir unha reorganización lóxica e necesaria do goberno municipal.
A proposta levada a Pleno polo executivo local consistía en reorganizar as concellerías, trasladando parte das competencias que viña exercendo Iván á concelleira Victoria, quen asumiría tamén a dedicación parcial xa existente, co seu correspondente salario. Unha medida que non supuña ningún incremento de gasto, senón que daba continuidade a unha estrutura xa aprobada, adaptándoa ás necesidades actuais do goberno.
O obxectivo era claro: garantir un mellor funcionamento do Concello e ofrecer un servizo máis eficaz aos veciños e veciñas, tendo en conta que, por circunstancias persoais, Victoria pode neste momento dedicar máis tempo á xestión municipal.
Sen embargo, PSOE e PP decidiron presentar e aprobar unha emenda para eliminar esa dedicación, deixando á concelleira sen a posibilidade de percibir o salario correspondente ao traballo e ás responsabilidades que vai asumir.
Dende o goberno municipal considérase esta decisión como inxusta e incomprensible dende o interese público, ao tempo que evidencia unha clara estratexia de desgaste político.
Non se trata de aforro nin de xestión responsable. Trátase de impedir que o goberno funcione con normalidade.
Esta manobra non só afecta ao executivo local, senón que prexudica directamente ao funcionamento do Concello e, en consecuencia, á cidadanía de Pazos de Borbén, que ve como se poñen trabas a unha organización pensada para mellorar os servizos públicos.
Especialmente preocupante resulta o papel do concelleiro do PSOE, que co seu voto facilita unha estratexia que só beneficia ao PP e que busca debilitar ao goberno independente encabezado por Luciano Otero.
Dende o goberno municipal reiteran o seu compromiso de seguir traballando con responsabilidade e dedicación, fronte a quen aposta polo bloqueo e polos intereses partidistas.
Pazos de Borbén merece máis política útil, máis traballo polos veciños e veciñas e menos xogos de despacho.



