Néstor Rego exixe ao Goberno transparencia, información detallada ante un proxecto -ser base de apoio da OTAN- que considera “lesivo para os intereses de Marín”
Lucía Santos lembra as resolucións aprobadas -por iniciativa do BNG- para impulsar un proxecto alternativo que permita recuperar o espazo para a veciñanza: “Abrir Marín ao Mar”
O deputado do BNG exixe ao Goberno a retirada das bases estadounidenses do Estado español e a saída da OTAN
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia que o Goberno do Estado continúa sen ofrecer información clara nin concreta sobre o proxecto de obras previsto na Escola Naval de Marín para a súa adaptación como base de apoio a buques de guerra da OTAN, malia as preguntas parlamentares rexistradas pola formación nacionalista.
“A resposta remitida polo Goberno limítase a xustificar as actuacións nun suposto incremento da actividade formativa e na necesidade de modernizar instalacións, sen aclarar cuestións fundamentais formuladas polo BNG” denuncia Néstor Rego. En particular, incide o deputado nacionalista, o Goberno evita concretar o orzamento total das actuacións, non detalla os informes ambientais necesarios nin explica as razóns polas que se prioriza o uso militar destes espazos fronte a outras alternativas de maior interese social.
Neste sentido, Rego denuncia que o Goberno “non responde ao núcleo das preguntas” e mantén unha posición de opacidade sobre un proxecto que pode ter un forte impacto tanto urbanístico como ambiental na ría de Pontevedra e na propia vila de Marín.
“O BNG deixou claro desde o primeiro momento o rexeitamento do incremento de gasto militar, máis no actual contexto de graves consecuencias económicas para as clases populares e traballadoras”, continúa o deputado nacionalista, “o custo desas obras debera servir para incrementar o gasto social e para pór as instalacións ao servizo da veciñanza, non para seguir contribuíndo a escalada bélica”.
Preocupación pola apertura de Marín ao mar
A voceira municipal do BNG manifesta a súa preocupación polo posíbel incumprimento das resolucións aprobadas -por iniciativa do BNG- para avanzar no proxecto de “Abrir Marín ao Mar”. Neste sentido, advirte de que a negativa do Ministerio de Defensa a ceder terreos considerados “esenciais” contrasta coa disposición a empregar eses mesmos espazos para infraestruturas militares.
Lucía Santos subliña que esta política vai en contra da demanda social maioritaria na vila, que aposta por recuperar espazos para uso público, zonas de esparexemento e práctica de deportes náuticos, en liña coa iniciativa “Abrir Marín ao Mar”.
Ademais, o BNG cuestiona que o Goberno pretenda presentar como suficiente a cesión de espazos realizada en convenios anteriores, ao considerar que estas medidas non responden ás necesidades actuais nin compensan a ampliación de usos militares que se está a impulsar.
Saída da OTAN e retiradas das bases
O deputado nacionalista aproveita este contexto para lembrar a reclamación que o BNG vén realizando ao Goberno do Estado sobre a necesaria saída da OTAN e a retirada das bases estadounidenses de Rota e Morón. “O Goberno non pode permitir ou aprobar a utilización de novas localizacións e instalacións por parte da OTAN. Este proxecto en Marín non pode saír adiante” sentenza Rego.



