O alcalde, Jacobo Pérez, e o edil de Medio Ambiente, Juan Carlos Ortigueira, participaron na actividade, que tivo lugar en Saiar
A rapazada colaborou na plantación de érbedos, nogueiras, castiñeiros e cerdeiras, cumprindo cunha proposta de respecto polo medio ambiente que leva desenvolvéndose desde hai preto de 25 anos e que servíu para dotar ao monte caldense de máis de 10.000 especies
Desde hai practicamente un cuarto de século, o Concello de Caldas de Reis e, especialmente, o seu tecido educativo, implícanse de maneira activa á hora de comemorar o Día Internacional Forestal, tamén coñecido como Día Dos Bosques. Alumnos e alumnas de diferentes centros educativos da vila participaron nos traballos de plantación duns 200 novos exemplares na parroquia de Saiar. En concreto, no espazo no que tivo lugar a esta acción medioambiental habilitáronse cedeiras, nogueiras, érbedos e castiñeiros, coa colaboración de axentes forestais. Tamén estivo presente o alcalde, Jacobo Pérez, acompañado polo concelleiro de Medio Ambiente, Juan Carlos Ortigueira. A cita desenvolveuse este venres, despois de ser aprazada no seu día por mor das condicións meteorolóxicas.
Foi a principios do século XXI cando o Concello de Caldas de Reis comezou a promover esta actividade, implicando ao tecido educativo.
Desde entón, o Goberno local estima que xa foron prantadas máis de 10.000 árbores, coa inestimable colaboración do alumnado caldense e as Comunidades de Montes (neste caso, a de Saiar).
Á hora de realizar estes labores, os alumnos e alumnas seguiron as instruccións de varios comuneiros e dos axentes forestais da Consellería de Medio Rural que, un ano máis, participaron na actividade. Jacobo Pérez agradeceu a colaboración e implicación destes técnicos, así como do persoal e integrantes da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Saiar, e amosouse satisfeito polo compromiso e interese da rapazada á hora de adquirir estes coñecementos, ao tempo que puxo o foco na importancia de que as novas xeracións continúen a implicarase para manter viva unha tradición que “non só serve para continuar concienciado á nosa sociedade da necesidade de respectar o medio ambiente, senón que tamén é unha actuación que axuda a potenciar o pulmón verde de Caldas de Reis”. Cómpre lembrar que o Día Internacional Forestal celébrase cada 21 de marzo, coa entrada da primera, despois de que a Organización Mundial das Nacións Unidas (ONU) convocase a súa primeira edición en 2023. A iniciativa ten coma obxectivo sensibilizar sobre a importancia vital de todos os tipos de sistemas boscosos e das especies arbóreas para a vida, o desenvolvemento sostible e a loita contra o cambio climático.



