Chama a condenar as agresións militares contra o Irán, o Líbano e a Palestina e rematar co uso de infraestruturas galegas por parte da OTAN, entre outros acordos
Demanda medidas urxentes do Goberno español e da Xunta de Galiza para conter a escalada de prezos que afecta ás clases populares e traballadoras e ao tecido produtivo
Xabier P. Igrexas: “A paz non se defende con palabras baleiras, senón con decisións firmes e coherentes: o Concello de Vigo ten que poñerse no lado correcto da historia”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) defenderá no Pleno do Concello de Vigo unha moción en favor da paz, contra o militarismo e para frear as consecuencias da guerra. A fronte nacionalista vén de trasladar unha batería de acordos de cara á sesión plenaria, convocada o vindeiro luns, para que a Corporación municipal condene as agresións militares e a escalada bélica no Irán, no Líbano e na Palestina.
“Non estamos ante unha cuestión abstracta; falamos de defender a vida, os dereitos humanos e a soberanía dos pobos”, reivindicou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas. “Non son conflitos afastados, son unha traxedia humana que nos interpela directamente con persoas ás que se lles destrúen as súas casas, ás que se lles arrasa a vida e ás que se lles rouba o futuro nunha guerra que non elixiron”, subliñou.
Máis de 62.000 vivendas destruídas no Irán; 800.000 persoas refuxiadas no Líbano, das que 1 de cada 3 son crianzas; e máis de 72.000 mortes en Gaza nun xenocidio que non cesa son algunhas das cifras “demoledoras” que retratan a actual escalada bélica. “Por iso desde o BNG queremos que o Concello de Vigo se posicione con claridade en defensa da paz, do diálogo e do dereito dos pobos a vivir en liberdade”, defendeu.
Guerra permanente
Para a fronte nacionalista a agresión militar dos Estados Unidos de América (EUA) e Israel contra o Irán -contraria ao dereito internacional e á Carta das Nacións Unidas- non se trata dunha guerra illada. Aseguran que forma parte dunha “lóxica de guerra permanente” e dunha carreira armamentista e militarista “que só beneficia a industria da guerra e os intereses do Imperialismo por controlar recursos, impor os seus intereses xeopolíticos e desprezar a vontade dos pobos”.
Por este motivo, a moción do Bloque fai un chamamento á comunidade internacional (e de xeito especial á Unión Europea, ao Estado español e á Xunta de Galiza) para que adopte medidas concretas dirixidas a frear a escalada bélica, garantir o respecto ao dereito dos pobos a exercer a súa soberanía sen inxerencias externas e promover a recuperación das vías de diálogo e solución pacífica das controversias.
Esixe tamén rexeitar as ameazas do presidente estadounidense, Donald Trump, e que se poña fin de maneira definitiva á presenza militar dos EUA en territorio español, á utilización do territorio galego como base de infraestruturas e actividades da OTAN, así como a saída do Estado español desta alianza militar. Aliás, pide opoñerse ao envío por parte do Goberno español de medios e material de guerra á zona de conflito.
A factura da guerra
Dende o BNG denunciaron as consecuencias da escalada bélica sobre o custo da vida que, lembraron, golpea unha vez máis ás clases populares e traballadoras e ao tecido produtivo da cidade. “A factura da guerra págana sempre as de abaixo”, lamentou o portavoz municipal nacionalista.
Diante desta situación, o Bloque reclama do Goberno español que adopten medidas urxentes e concretas para conter a inflación, protexer ás familias, apoiar aos sectores produtivos e garantir os servizos públicos. E tamén da Xunta de Galiza, a quen acusa de “estar ausente” na defensa da maioría social do país.
Rexeitamento ao desfile militar
A moción nacionalista insta tamén ao Goberno municipal a comunicar ao Ministerio de Defensa que rexeita a realización na cidade do desfile militar polo Día das Forzas Armadas, previsto para o vindeiro 30 de maio, e pide non colaborar dende o Concello “nin directa ou indirectamente” na súa organización.
“Neste contexto, resulta absolutamente incoherente que Vigo vaia acoller un desfile militar”, afirmou Igrexas. “Non se pode falar de paz e ao mesmo tempo encher as rúas de armas, nin dicir ‘Non á guerra’ mentres se promove a propaganda militarista con cartos públicos”, remachou.
O portavoz municipal do Bloque puxo en valor que Vigo é unha “cidade comprometida coa paz” e defendeu que esta non se constrúe con desfiles nin coas palabras baleiras. “Constrúese con xustiza social, con cooperación e co respecto aos pobos, con decisións firmes e coherentes”, manifestou Igrexas, chamando a que o Concello de Vigo se sitúe “con feitos no lado correcto da Historia”.



