HomeO MorrazoMarínEstrela de Marín premiará as compras no comercio local cunha nova campaña...

Estrela de Marín premiará as compras no comercio local cunha nova campaña de fidelización dotada con 400 euros

- Anuncio -spot_img

“As compras que volven” desenvolverase do 30 de marzo ao 30 de abril, incluirá dous sorteos quincenais, unha acción paralela nas redes sociais e unha mini feira de xogos tradicionais como peche da programación

O Centro Comercial Aberto Estrela de Marín impulsará entre o 30 de marzo e o 30 de abril a campaña “As compras que volven”, unha iniciativa coa que busca incentivar o consumo no comercio local, premiar a fidelidade da clientela e reforzar o uso do Club de Fidelización Comercio de Marín.

A acción repartirá 400 euros en premios a través de dous sorteos quincenais de 200 euros, nos que as persoas participantes poderán recuperar o importe das súas compras rexistradas. A campaña articúlase arredor dun sistema de rexistro dixital de tickets mediante a web www.comerciodemarin.com/sorteos.

Para participar, será necesario acceder a Comercio de Marín, ben a través da web ou ben a través da APP e rexistrar o ticlet de compra. Poderán entrar nos sorteos todas as compras superiores a 10 euros realizadas nos establecementos asociados ao CCA.

A mecánica da acción permite converter determinadas compras en compras gratuítas, xa que as persoas gañadoras recuperarán o importe do ticket rexistrado a través de saldo acumulado na súa tarxeta de fidelización. Co fin de favorecer un maior número de compras premiadas, establécese un límite máximo de 50 euros por ticket gañador.

A campaña está concibida para estimular o rexistro de tickets, favorecer a repetición de compra e seguir consolidando ferramentas de fidelización comercial, ao tempo que se reforza a relación da clientela cos negocios de proximidade.

Un escaparate dixital para dar visibilidade aos produtos locais

Xunto á campaña principal, o CCA desenvolverá tamén a acción paralela “Os Escaparates Estrela”, orientada a reforzar a presenza do comercio local nas redes sociais e ampliar o alcance da iniciativa no ámbito dixital.

A proposta consistirá na publicación de escaparates dixitais compostos por seis produtos de distintos establecementos participantes. As persoas usuarias deberán indicar nos comentarios en redes sociais, canto cren que suman en total os artigos mostrados, e a persoa que máis se aproxime ao valor real sen superalo recibirá unha tarxeta regalo de 30 euros para gastar no comercio local.

Con esta acción, Estrela de Marín pretende xerar interacción coa comunidade dixital, dar visibilidade directa aos produtos dos comercios asociados e atraer tamén público novo ás campañas de dinamización.

A campaña rematará cunha mini feira de xogos tradicionais

A programación pecharase o 30 de abril, en horario de tarde, cunha acción de dinamización comercial de rúa na Alameda Rosalía de Castro, que se trasladará ao Multiusos da Praza de Abastos en caso de mal tempo.

O peche da campaña materializarase nunha mini feira con 15 xogos tradicionais, distribuídos en 6 jaimas e dirixida a público familiar. A actividade busca atraer visitantes ao centro urbano, xerar ambiente comercial e prolongar o tempo de permanencia nas zonas comerciais.

Para tomar parte nesta proposta final, será necesario presentar un ticket de compra realizado nos establecementos asociados ou ben mostrar a condición de socio do Club de Fidelización Comercio de Marín, vinculando así tamén esta actividade co apoio ao comercio local.

Con “As compras que volven”, o Centro Comercial Aberto Estrela de Marín volve apostar por unha fórmula que combina promoción comercial, fidelización dixital, visibilidade nas redes sociais e animación de rúa para dinamizar a actividade económica da vila e premiar a confianza da clientela no comercio de proximidade.

A campaña conta coa cofinanciación da Xunta de Galicia e coa colaboración do Concello de Marín.

Publicacións Relacionadas