A Deputación de Ourense recibiu a visita dun grupo de estudantes procedentes do Centro Universitario Tlacaélel, situado en Ixtapaluca (Estado de México), que se atopan en España participando nun diplomado sobre innovación.
Durante a visita, os estudantes interesáronse especialmente polo funcionamento das distintas administracións públicas españolas, con especial atención ao papel das deputacións provinciais, unha figura institucional que non existe no sistema administrativo mexicano. Neste sentido, a xornada permitiu coñecer de primeira man as competencias e o labor de cooperación cos concellos que desenvolve a Deputación de Ourense.
O grupo, acompañado polo deputado provincial José María Lago e polo profesor e consultor Eladio Jardón, percorreu tamén diferentes dependencias do Pazo Provincial, nun encontro que serviu para intercambiar impresións sobre a organización territorial e o funcionamento das institucións en ambos países, reforzando así os lazos de colaboración e coñecemento mutuo.



