– O Concello de Redondela e Adif asinan o convenio para a pavimentación e cesión da Avenida da Estación. O organismo ferroviario investirá máis de 582.000 euros na mellora integral antes de transferir a titularidade ao municipio. A pavimentación abrangue unha superficie de case 6.000 m².
– Digna Rivas salienta que a obra resolve unha demanda veciñal de hai 20 anos polo mal estado do vial. A actuación súmase a outros investimentos millonarias nas infraestruturas ferroviarias de Redondela, coa renovación integral da estación e o novo apeadeiro de Chapela, entre outras melloras.
Redondela, 28 de marzo de 2026. O Concello de Redondela e Adif pecharon o acordo definitivo para a remodelación integral da Avenida da Estación. A través dun convenio de concesión administrativa, o ente ferroviario asumirá o custe total das obras de pavimentación e adecuación estrutural antes de que o vial pase a ser de titularidade municipal.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou a importancia histórica deste convenio: “Damos resposta a unha demanda da veciñanza que levaba máis de 20 anos agardando. A estrada atópase nun estado moi deficiente e era unha prioridade absoluta que Adif asumise a súa reparación antes de entregala ao Concello en perfectas condicións”.
As obras de mellora, que serán executadas pola empresa TRAGSA, contan cun orzamento de 582.268,04 € e un prazo de execución de 3 meses. O proxecto actúa sobre unha superficie de 5.962 m² . O acordo estipula que o Concello asumirá a xestión do vial mediante unha concesión por 75 anos. A entrega oficial non se fará ata que as obras estean rematadas.
Rivas sinala que este compromiso de Adif coa Avenida da Estación non é unha actuación illada, senón que se suma a unha estratexia de modernización integral en Redondela con investimentos que superan os 55 millóns de euros. Entre as principais intervencións destacan a modernización de 7,8 km no tramo Redondela-Bifurcación Arcade para mellorar a fiabilidade da vía. Esta renovación supera os 22,6 millóns. Tamén se renova a conexión con Vigo-Guixar para reforzar o tráfico de viaxeiros e mercadorías cun investimento de 32,7 millóns. Adif mellora os servizos e a accesibilidade na Estación de Redondela. Actualmente están a realizarse as obras cun investimento de 3,3 millóns de euros que inclúe un novo andén central, paso inferior, ascensor e renovación da praza e melloras totais de accesibilidade. A alcaldesa destaca tamén a creación do novo apeadeiro de Chapela cun andén de 220 metro. Deste xeito “recuperamos o transporte ferroviario na parroquia e melloramos a mobilidade da veciñanza tato nas conexións de Chapela con Redondela e Pontevedra como coa cidade de Vigo”.
“Estamos ante o maior esforzo inversor ferroviario da historia de Redondela”, concluíu Digna Rivas, destacando que estas obras non só melloran a seguridade e a capacidade do servizo, senón que garanten unha integración moito máis amable e moderna do tren no noso municipio.



