· A actuación, que conta cun orzamento de máis de 70.000 euros financiados a través do Plan Único da Deputación, dá continuidade ao trazado inicial da marxe esquerda para crear unha vía preferentemente peonil e accesible.
· O proxecto inclúe unha nova rede de augas pluviais, a delimitación do espazo para peóns e a instalación dunha varanda de madeira protectora.
O Concello de Camariñas ten en marcha a execución das obras da segunda fase da senda peonil na pista a Lingunde. O obxectivo principal deste proxecto é mellorar as condicións de seguridade e funcionalidade da vía, creando un trazado seguro para os peóns nunha estrada que rexistra un alto nivel de uso, tanto por parte da veciñanza como por bañistas e turistas durante a época estival.
A actuación, que dispón dun orzamento de 70.506,60 euros financiados a través do Plan Único da Deputación da Coruña, desenvólvese no tramo final da marxe esquerda da pista , dando así continuidade á senda xa executada no tramo inicial.
Dende o goberno local subliñan a importancia de crear un espazo preferentemente peonil que garanta a accesibilidade de todas as persoas, incluídas aquelas con mobilidade reducida. Por este motivo, o pavimento final de aglomerado asfáltico da senda e da calzada executaranse á mesma rasante. A delimitación entre a zona de tránsito de vehículos e o paso de peóns realizarase mediante a colocación dunha rigola prefabricada de formigón.
Antes de proceder á pavimentación definitiva, os traballos contemplan a creación dunha rede de recollida e evacuación de augas pluviais. Esta nova canalización irá soterrada baixo a propia senda peonil e contará cos seus correspondentes sumidoiros e pozos de rexistro.
Así mesmo, para reforzar a protección dos viandantes e a integración paisaxística, instalarase unha varanda de madeira de piñeiro vermello tratado, dun metro de altura. A intervención completarase co repintado das marcas viarias, a sinalización dun paso de peóns e a colocación de nova sinalización vertical.



