- A Xunta impulsa esta iniciativa piloto coa Fundación Sergio Villar dentro da aposta por manter un bo clima de convivencia na aulas e eliminar a lacra do acoso escolar
- A Consellería de Educación proporciona aos centros participantes recursos específicos para o fomento do respecto e das condutas empáticas
- Súmase a un amplo abano de iniciativas neste eido impulsadas o Goberno galego, como os Puntos Laranxa, o Termómetro ou a Rede de Concellos contra o Acoso
A iniciativa piloto, impulsada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, enmárcase na aposta da Xunta, como prioridade de goberno, por manter un bo clima de convivencia nas aulas e eliminar a lacra do acoso escolar. Realízase en colaboración coa Fundación Sergio Villar, creada para promover os valores de solidariedade, convivencia e apoio a colectivos vulnerables e que desenvolve parte da súa actividade en centros educativos da provincia da Coruña.
O programa desenvólvese en tres fases, ao longo das que o departamento educativo do Goberno galego proporciona aos centros participantes recursos específicos para a resolución pacífica dos conflitos e o fomento dunha educación baseada na convivencia, e o respecto, así como na promoción da non violencia en todos os ámbitos da vida persoal, familiar e social, con especial atención ao acoso e ao ciberacoso.
As tres fases do proxecto
A primeira delas consiste nunha reunión co centro para recoller información inicial sobre as súas necesidades e particularidades, o que facilita a comunicación e o deseño personalizado das actuacións a implementar. A partir de aí, os estudantes participan en obradoiros sobre mediación de 50 minutos de duracións impartidos por unha entidade externa especializada.
Os talleres van dirixidos a identificar os principais elementos que configuran a conduta colaborativa (empatía, cooperación, diálogo…) como promotores de relacións sociais satisfactorias, sensibilizar sobre a necesidade de educar na xestión positiva dos conflitos co fin de previlos e practicar técnicas de comunicación afectiva consciente que favorecen a cooperación, a responsabilidade e o coidado das outras persoas.
A terceira fase, opcional para os centros, céntrase na organización de charlas informativas para profesorado e familias co fin de dar a coñecer estas prácticas e os seus efectos positivos. Desenvólvese unha por cada centro participante, cunha duración de dúas horas e media en horario de tarde para facilitar a asistencia.
A relación de centros seleccionados é a incluída na seguinte táboa:
| Concello | Centro |
| Provincia da Coruña | |
| Cerceda | CPI Plurilingüe O Cruce |
| A Coruña | IES Salvador de Madariaga |
| A Coruña | IES Agra do Orzán |
| Ferrol | IES Concepción Arenal |
| Vedra | CPI Plurilingüe de Vedra |
| Fene | CEIP Plurilingüe de Centieiras |
| Provincia de Lugo | |
| Friol | CPI Plurilingüe Dr. López Suárez |
| Vilalba | IES Santiago Basanta Silva |
| Lugo | CEIP de Casás |
| Burela | IES Monte Castelo |
| Foz | CEIP O Cantel |
| Viveiro | CEIP Plurilingüe de Covas |
| Monforte de Lemos | CEIP Plurilingüe de Monforte de Lemos |
| Ribadeo | IES de Ribadeo Dionisio Gamallo |
| Provincia de Ourense | |
| O Carballiño | IES Nº 1 |
| Provincia de Pontevedra | |
| Cangas | IES María Soliño |
| Vilanova de Arousa | CEIP Plurilingüe de San Bartolomé |
| Vigo | CEIP Plurilingüe García Barbón |
| Mos | CEIP Mestre Valverde Mayo |
| Gondomar | CEP Xosé Neira Vilas |
Amplo abano de iniciativas
Acordamos Convivir enmárcase na Estratexia galega de convivencia escolar 2025, a través da que a Xunta está a intensificar as actuacións para erradicar as condutas contrarias á convivencia nos centros e blindalos como espazos referentes neste eido. Súmase a un amplo abano de iniciativas neste eido impulsadas desde a Consellería de Educación, como a prohibición do uso dos móbiles nos centros, os Puntos Laranxa, o Termómetro Acoso Escolar, a actualización do Protocolo contra a violencia no ámbito educativo ou a Guía para a abordaxe dos problemas de conduta no ámbito educativo,
Ademais, a Consellería e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), asinaron recentemente a constitución da nova Rede de Concellos contra o Acoso Escolar, que se porá en marcha este ano con fin de fortalecer a coordinación entre institucións para a sensibilización, prevención e actuación ante esta problemática.



