HomePontevedraA Festa da Ostra vive o seu día grande cun éxito de...

A Festa da Ostra vive o seu día grande cun éxito de participación e de venda do seu produto estrela

- Anuncio -spot_img
  • O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, agradeceu hoxe a todas as persoas que traballaron arreo e fixeron todo o posible o éxito desta edición da Festa da Ostra.
  • A pregoeira, a veciña de Arcade, María Codesido García, emocionou a todo o mundo co seu pregón cargado de forza, alegría e vitalidade.
  • Unha Festa da Ostra pola que xa pasaron, ao longo da fin de semana, máis de 40 mil persoas e que hoxe vendeu preto das 40 mil ostras.

Hoxe a XXXVIII Festa da Ostra viviu o seu día grande, un día cheo de emoción e de reencontros, un día de festa que nesta edición comezou ben cediño co pasarrúas da Banda Artística de Arcade e da Banda Cultural de Arcade que encheron de música e de alegrías as rúas desta parroquia. Unha vez que chegaron ao peirao ofreceron un pequeno concerto antes os milleiros de persoas que dende as 12:30 h. xa estaba na carpa do Peirao de Arcade.

O tempo acompañou nesta xornada, e a xente non fallou, milleiros de persoas baixaron nesta mañá e mediodía a desfrutar e a degustar a XXXVIII edición da Festa da Ostra. Nunha carpa ateigada o público asistente puido desfrutar da ostra ao natural e da gastro experiencia OsTrés,. Uns pratos cociñados polo Calidus Catering que lidera o  veciño de Soutomaior Joaquín Lema e que foron un auténtico éxito nesta edición. Todo, maridado cos mellores viños Albariños de Soutomaior (Noelia Bebelia, María Vinyals e Quinta da Eiras). Unha xornada onde se venderon máis de 40 mil ostras.

Ás 13:00h. chegou a quenda do pregón, antes de darlle paso á pregoueir,  Manu Lourenzo, o alcalde de Soutomaior, agradeceu o “enorme” traballo realizado polos funcionarios do concello, ostricultores, adegueiros e todas as persoas que tiveron que estiveron involucradas con esta edición e fixeron que fose un rotundo éxito. Tras as súas palabras presentou e deulle paso á pregoeira deste ano,  a nosa veciña María Codesido García.

O pregón de María emocionou a todas e todos os asistentes e estivo cargado da vitalidade que a caracteriza. María contou o que sinte por Arcade  e dixo que “durante 17 anos, a carballeira do Peirao e as rúas ata a Montesiña foron parte do meu día a día. Aquí medrei. Aquí xoguei. Aquí aprendín. E aquí fun descubrindo pouco a pouco quen era. E posiblemente algúns dos desafíos persoais máis grandes da miña vida sucederon tamén

aquí”. A continuación María contou a súa historia persoal lembrando lembrando que naceu con displasia e que “no 2020 empecei cos meus procesos de elongación. Son operacións cirúrxicas moi complexas nas que a dor foi a miña compañeira de vida durante uns anos. Grazas a iso conseguín pasar de 1,05 metros de altura aos case 1,30 que teño agora. Foi un tempo no que sabía o importante que era seguir loitando pola miña educación e facer as cousas que máis me gustan. Nese tempo conseguín a beca que agora me permite estudar en Noruega”. A continuación fixo referencia o apoio que sempre tivo da súa familia, da comunidade educativa onde medrou e tamén das súas amizades. “Os profesores ensináronme a amar os deportes, a ciencia e o debate; ou simplemente a estar sempre cun sorriso, aínda que sexan as oito da mañá e leve trinta días chovendo sen parar. Ensináronme a vivir con paixón, a atopar un propósito e a loitar por el. E do colexio o mesmo podo dicir dos meus compañeiros, dos meus amigos que fixen alí. E tamén da escola e da banda de música. Así podería falar de toda a sorte que foi para min medrar en Arcade. Da súa xente. Que sempre me mirou como quen son: María. E non simplemente como unha persoa dun metro de altura”.

María rematou o seu pregón dicindo que “hoxe, que estamos aquí, podemos ver como este sentido de comunidade é o que fai que Arcade e Soutomaior sexan tan grandes como son. Porque para que un evento tan grande como este funcione hai moitas pezas neste engrenaxe” e desexando unha feliz festa da Ostra a todos.

Tralo pregón o grupo Fernando Sánchez Jazz Cuartet amenizou, se cabe máis, a degustación de ostras e de Albariño de Soutomaior no Peirao de Arcade.

Unha Festa da Ostra que esta tarde pechará esta edición e onde poderemos desfrutar do directo e diversión de “Louband” a partir das 18:00h. no Peirao de Arcade.

Publicacións Relacionadas