HomeA CoruñaBelén do Campo destaca que a Xunta destina case 600.000€ á mellora...

Belén do Campo destaca que a Xunta destina case 600.000€ á mellora de camiños en 10 concellos da comarca do Barbanza

- Anuncio -spot_img

— A delegada da Xunta informou que a orde financia actuacións de ampliación ou mellora dos camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou a varias entidades de poboación

— A representante do Goberno autonómico salientou a importancia desta medida, xa que os camiños rurais “estruturan o territorio e resultan esenciais para a dinamización social e económica do rural”

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá as actuacións de mellora executadas no camiño de acceso A Cornido ao abeiro do Plan Camiña Rural 2025-2026 que tamén incluíu intervencións no camino de acceso a Noutigos, en aglomerado en quente con triple rega asfáltica. Estes traballos contaron cun investimento da Xunta de case 54.000 euros na convocatoria 2025-2026. Este concello conta para actuacións deste tipo con outros preto de 54.000€ na convocatoria 2026-2027.

No que respecta á comarca do Barbanza, foron beneficiarios 10 municipios —Carnota, Boiro, Lousame, Mazaricos, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rianxo e Ribeira— que sumaron case 600.000 euros en axudas. No conxunto da provincia da Coruña, na convocatoria 2025-2026, un total de 86 concellos recibiron achegas da Consellería de Medio Rural por un importe global de máis de 2,8 millóns de euros.

Nova orde 2026-2027
Durante a visita, a delegada lembrou que este ano volve a haber axudas da nova orde correspondente ao período 2026-2027, dotada con preto de 19 millóns de euros en réxime de concorrencia non competitiva que xa pechou o prazo de solicitudes.

A representante do Goberno galego explicou que poden optar a estas achegas todos os concellos da comunidade. As subvencións están destinadas a financiar actuacións de ampliación e mellora de camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou varias entidades de poboación. Para estes efectos, considéranse incluídas tanto as vías internas dos núcleos como aquelas que conectan distintos lugares entre si ou coa rede principal.

Entre as actuacións subvencionables figuran, no caso das ampliacións, as intervencións que supoñan un incremento da largura do camiño para mellorar a seguridade viaria, facilitar o cruce de vehículos ou actuar en puntos de escasa visibilidade, curvas ou entroncamentos. Tamén poderán contemplarse prolongacións que permitan dar continuidade ata enlazar cunha estrada ou outro camiño.

No caso das melloras, inclúense reforzos do firme mediante novas capas adaptadas ás características do tráfico, así como actuacións en materia de drenaxe, seguridade viaria, estabilización de taludes con muros ou estruturas de contención, adecuación de pasos sobre cursos fluviais, mellora de cunetas, integración ambiental ou renovación da sinalización.

Criterios de distribución
O reparto dos fondos realízase asignando a cada concello unha contía fixa que se modula segundo distintos criterios, como a localización, o nivel de despoboamento, a superficie municipal e o coeficiente de agrariedade, baseado en datos socioeconómicos vinculados á actividade agraria, eixo fundamental do desenvolvemento rural.

Cada concello pode presentar un máximo de dous proxectos, cun límite de tres actuacións por proxecto. Enténdese por actuación a intervención nun mesmo camiño ou en varios sempre que exista continuidade física entre eles. O orzamento de execución material de cada actuación deberá ser igual ou superior aos 6.000 euros.

A delegada subliñou a relevancia desta liña de axudas, ao considerar que os camiños rurais “estruturan o territorio e resultan esenciais para a dinamización social e económica do rural”. Ademais, destacou que desde 2016, e unha vez rematadas as actuacións da convocatoria 2025, terase intervido en preto de 6.700 camiños en toda Galicia, cunha lonxitude aproximada de 5.200 quilómetros e un investimento acumulado que rolda os 156 millóns de euros.

Publicacións Relacionadas