O presidente provincial, Luis Menor, destaca o papel “esencial” da institución provincial para os pequenos concellos
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na sesión celebrada hoxe un novo paquete de 10 axudas dirixidas a concellos da provincia, que mobilizan un total de 236.056,27 euros, destinados a actuacións de cooperación municipal.
O presidente provincial, Luis Menor, destacou que se trata de investimentos “moi concretos e necesarios”, orientados a mellorar servizos básicos e infraestruturas municipais, especialmente nos concellos máis pequenos. Neste sentido, lembrou que 91 dos 92 concellos da provincia de Ourense son municipios de pequeno tamaño, para os que a Deputación “resulta unha administración esencial á hora de executar obras e mellorar servizos”.
As actuacións aprobadas inclúen intervencións en materia de infraestruturas viarias, abastecemento, seguridade viaria, espazos públicos e equipamento municipal, todas elas demandadas polos propios concellos e orientadas a mellorar a calidade de vida da cidadanía.
En concreto, as axudas aprobadas son as seguintes: A Mezquita, para actuacións de vivenda na antiga casa dos mestres (20.000 euros); Baltar, para bacheos en vías municipais (39.999,99 euros); Cenlle, para instalación de barreiras de seguridade en Cima de Vila e Barbantes (4.548,11 euros); Esgos, para pavimentación de vías municipais (45.000 euros); A Gudiña, para construción dun muro de contención en Pentes (18.000 euros); Paderne de Allariz, para mellora de firme en Cantoña e Figueiredo (17.441,13 euros) e para ampliación da rede de abastecemento en Figueiredo (8.071,67 euros); Ribadavia, para mellora de viais municipais (24.995,37 euros); Toén, para mellora de espazos públicos no núcleo municipal (40.000 euros); e Vilar de Barrio, para adquisición de remolque (18.000 euros).
Luis Menor subliñou que estas actuacións “responden a necesidades reais dos concellos e permiten mellorar a seguridade, os servizos e a calidade de vida da cidadanía”, destacando que a cooperación municipal “é unha das principais razóns de ser da Deputación”.
O presidente provincial remarcou ademais que estas actuacións evidencian o compromiso da institución provincial co equilibrio territorial e coa igualdade de oportunidades entre os concellos, especialmente aqueles con menor capacidade económica e técnica.
“Falamos de actuacións útiles e necesarias que permiten arranxar estradas, mellorar abastecementos, reforzar a seguridade viaria ou dignificar espazos públicos. Esa é a Deputación que queremos: unha administración útil, próxima e comprometida co territorio”, concluíu Menor.



