HomePontevedraPoioO BNG de Poio pide a Moldes que mellore as condicións do...

O BNG de Poio pide a Moldes que mellore as condicións do persoal da brigada de lumes tras quedar deserto o contrato deste ano

- Anuncio -spot_img

A voceira Marga Caldas reclama solucións antes de que comece o período de risco de incendios para evitar problemas como os dos dous últimos exercicios

O Grupo Municipal do BNG de Poio vén de reclamar ao alcalde Ángel Moldes que mellore as condicións laborais do persoal da brigada de extinción de lumes do municipio. Así o fixo a voceira Marga Caldas despois de que a convocatoria para cubrir este servizo, agora privatizado, quedase deserta na última Xunta de Goberno Local. A nacionalista advirte de que nos dous últimos exercicios o persoal trasladou numerosas queixas e denuncias de precariedade e incumprimentos laborais, polo que pide solucións urxentes antes do inicio do seguinte período de risco de incendios.

Segundo destaca Caldas, o goberno local debe demostrar que realmente está comprometido coa estabilidade e bo funcionamento do servizo. “Como administración que concesiona esta prestación, o Concello ten a obriga legal de esixir o cumprimento do contrato con calidade, mais tamén a responsabilidade ética de velar polo respecto dos dereitos das e dos traballadores e traballadoras”, advirte a nacionalista, quen insiste en que garantir condicións dignas é esencial para non comprometer o rendemento e a eficacia na cobertura de situacións de emerxencia.

Caldas lembra que na última tempada, o BNG denunciou publicamente os graves problemas laborais na brigada de lumes municipal, levando o asunto ao Pleno municipal e criticando duramente a decisión do goberno local de contratar de novo á mesma empresa, Redenor, a pesar das reclamacións non atendidas do persoal referentes ao pagamento de nocturnidades, horas extras e outras condicións laborais. O Bloque lamenta que anteriormente a comunicación entre o persoal subrogado coa administración local foi desatendida, escusándose en non poder mediar coa empresa cando os traballadores seguían sen cobrar.

A nacionalista subliña que, agora, de cara a esta nova tempada e en aras de fomentar a estabilidade e a retención de persoal cualificado -que debe ser subrogado-, o goberno local debe volver a licitar o contrato estudiando a posibilidade de incluír nas bases do novo contrato algún tipo de garantía. Advirte Caldas que, ademais, de non mellorar a oferta económica para as empresas interesadas, córrese o risco de que o servizo de extinción de lumes non poida comezar a traballar en tempo e forma para este verán.

A recente convocatoria deserta para cubrir as brigadas de lumes, entende o Bloque, amosa un problema estrutural na xestión do servizo público por parte do PP. Caldas subliña que ao privatizar, lonxe de mellorar a prestación, o único que conseguiu Moldes foi desestabilizala e poñela en risco, ademais de precarizar a situación laboral do persoal.

Publicacións Relacionadas