A fronte nacionalista cualifica de “absoluto disparate” as recomendacións do Clúuster de Turismo e defende que Peinador debe ser a terminal de referencia para a área de Vigo, o conxunto do sur do País e a Eurorrexión
Esixe que a Xunta de Galiza faga efectivo o seu compromiso de poñer en marcha e financiar a captación novos destinos, demanda que se avance na articulación dun sistema aeroportuario galego e volve reclamar un Plan de dinamización para Peinador
Xabier P. Igrexas: “O futuro de Peinador non se defende con polémicas e golpes de peito, senón con propostas e acordos”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo reclamou hoxe, a través do seu portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, que o debate sobre o fortalecemento do aeroporto de Peinador “se desenvolva con menos ruído e con máis rigor, con menos discursos e declaracións e con máis planificación e decisións”, en referencia á polémica xerada polas recentes recomendacións do Clúster de Turismo de Galiza.
Igrexas cualificou de “absoluto disparate” a proposta do Clúster de prescindir das conexións turísticas en Peinador, tendo en conta que representan case o 60% do fluxo de pasaxeiros da terminal viguesa. Porén, o portavoz nacionalista lamentou tamén “a falta de responsabilidade de quen, por acción ou omisión, aproveita esta situación para enlamar”.
“Xa vale de pimpampum partidista e de xogar sempre ao canto peor mellor, a cidade non o merece”, subliñou.
Pasar das palabras aos feitos
O portavoz municipal do BNG reclamou que a Xunta de Galiza “faga efectivo o seu recente compromiso de establecer un marco de cooperación cos concellos e outras administracións para a captación e consolidación de destinos aeroportuarios, a través dun fondo económico a nivel galego”. Igrexas advertiu de que ese compromiso “non pode quedar nun mero anuncio ou nun xesto” e esixiu que “se faga realidade”.
Para o BNG ese paso como debe ser o punto de partida dun cambio de maior calado, e criticou que o Goberno galego “leva anos de brazos caídos, derivando aos concellos unha cuestión que non é competencia municipal”.
Sistema aeroportuario galego
Neste sentido, Igrexas defendeu, máis unha vez, a necesidade de avanzar na articulación dun sistema aeroportuario galego “integral, que teza sinerxías entre as tres terminais galegas” e que evite a competencia interna entre Peinador, Lavacolla e Alvedro. “O competidor de Peinador non é Santiago nin A Coruña. A competencia, para as tres terminais galegas, é o Sá Carneiro do Porto”, enfatizou.
Nese sistema, o BNG defende que Peinador debe consolidarse como “a terminal de referencia para a área metropolitana de Vigo, o conxunto do sur do noso País e mesmo a eurorrexión Galiza-Norte de Portugal”, co obxectivo de ampliar rutas e afianzar as que xa operan desde a terminal viguesa.
Medidas estruturais, non parches
O portavoz municipal nacionalista rexeitou que a solución ao futuro de Peinador pase por “un simple cambio nas políticas de promoción turística ou por facer que sexa outra administración quen as pague” e reclamou “unha abordaxe moito máis estrutural e profunda”. Nese sentido, o BNG reitera a súa demanda de que a Xunta de Galiza e o Goberno español colaboren para poñer en marcha un Plan de Dinamización do Aeroporto de Peinador que inclúa medidas concretas e compromisos orzamentarios.
Entre as medidas que o BNG defende desde hai anos figuran a mellora dos accesos á terminal viguesa, a súa conexión intermodal con transporte público, a apertura as 24 horas, o aproveitamento das potencialidades de Peinador no transporte de mercadorías e a recuperación plena da torre de control presencial.
“O futuro de Peinador non se defende con polémicas e golpes de peito, senón con propostas e acordos”, remachou Igrexas.



