HomeXunta de GaliciaA Xunta celebra os Días Europeos da Artesanía 206 co impulso de...

A Xunta celebra os Días Europeos da Artesanía 206 co impulso de máis de cen actividades de divulgación nas catro provincias galegas

- Anuncio -spot_img
  • González puxo en valor a fusión entre artesanía e natureza nas pezas téxtiles de Las flores de Greta, proxecto impulsado por tres mulleres emprendedoras e un dos máis de 250 talleres adheridos a Artesanía de Galicia na provincia de Pontevedra
  • Salientou que o obradoiro participa con talleres de estampaxe botánica nos Días Europeos da Artesanía, que se celebran cada ano para amosar a riqueza dos oficios artesanais e cuxas actividades na CCAA coordina a Fundación Artesanía de Galicia
  • Desde hoxe ata o 12 de abril, apóianse 20 iniciativas que inclúen demostracións de oficios, obradoiros de iniciación e xornadas de portas abertas promovidas por obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia, asociacións e centros de divulgación
  • Entre outras propostas, destacan talleres abertos de cerámica, pintura sobre madeira e estampaxe no Museo do Mar de Galicia esta fin de semana, así como o apoio á programación da Casa Rodante ou o evento ‘Artesanía na praza’ o domingo en Oia
  • González destacou que a artesanía ocupa un oco prioritario no novo Plan estratéxico de comercio 2025-2030, que inclúe medidas específicas para a recuperación dos oficios tradicionais, como as bolsas de aprendices previstas para este ano con 1M€

Con motivo dos Días Europeos da Artesanía, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta mañá o obradoiro Las flores de Greta, un dos máis de 250 adheridos a Artesanía de Galicia na provincia de Pontevedra e especializado na elaboración de pezas téxtiles mediante a técnica do ecoprint.

A visita enmárcase na celebración dos Días Europeos da Artesanía, unha iniciativa que se desenvolve anualmente en diferentes países de Europa para amosar a riqueza e singularidade dos oficios artesanais e que en Galicia coordina a Fundación Artesanía de Galicia. Neste contexto, a Xunta apoia 20 iniciativas que inclúen un total de 110 actividades de divulgación dos oficios artesanais nas catro provincias galegas, con demostracións, obradoiros de iniciación e xornadas de portas abertas, entre outras propostas, promovidas por obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia, asociacións e centros de divulgación. O conselleiro puxo en valor o proxecto de Uxía, Nuria e Antía, destacando a súa capacidade para integrar creatividade, coñecemento técnico e innovación a partir de técnicas tradicionais. Así mesmo, salientou a súa aposta pola sustentabilidade a través do ecoprint, unha técnica respectuosa co medio ambiente que permite obter pezas únicas a partir de elementos naturais. Tamén subliñou o compromiso de Las flores de Greta coa divulgación dos oficios artesanais e lembrou que, no marco desta conmemoración, o taller desenvolverá en Vigo unha programación específica os días 10 e 11 de abril, que incluirá obradoiros de estampaxe botánica.

González destacou que a artesanía constitúe un sector prioritario, xerador de emprego e de oportunidades de emprendemento vencelladas ao territorio. Neste sentido, sinalou que o Plan estratéxico de comercio 2025-2030 recolle medidas orientadas a reforzar a súa competitividade e garantir o seu futuro. Tamén incidiu na relevancia da formación e da remuda xeracional como factores clave para a continuidade do sector. Así, fixo referencia a iniciativas como o programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, así como á posta en marcha dunha nova liña de axudas destinada á formación de aprendices en oficios artesanais, prevista para este ano e dotada cun orzamento de 1 M€.

Actividades programadas en Pontevedra

En coherencia cos obxectivos desta conmemoración, celebrada este 2026 baixo o lema Co corazón no oficio, o conselleiro destacou a importancia da colaboración, das sinerxías culturais e territoriais e do dinamismo do rural como bases da artesanía galega. Así mesmo, animou á cidadanía a participar nas actividades programadas, unha oportunidade gratuíta para coñecer os oficios artesanais e experimentar cos seus procesos creativos.

Na provincia de Pontevedra, a Fundación apoia os talleres abertos de cerámica, pintura sobre madeira e estampaxe sobre tecido impartidos por Carlos San Claudio, Peixe Nero, Como pez en el agua e Peixesapop, que se celebrarán os días 11 e 12 de abril no Museo do Mar de Galicia, en Vigo. Na mesma cidade, tamén se impulsa a programación da Casa Rodante, que organizará talleres abertos de gravado, encadernación, papel, téxtil e cerámica nas dúas sedes da asociación Apamp tanto hoxe como mañá, así como diversas actividades no seu local do Centro Comercial A Laxe entre os días 8 e 10 de abril. O domingo 12 de abril colabora co evento Artesanía na praza, en Oia, no que están programados talleres participativos de coiro, con Media Lúa, de torneado de madeira, con Aitor, de téxtil con Liño e lá, de xoiería con Areladefe, e de cerámica con Lucky’sBakes.

Outra das iniciativas coas que se colabora é a da Fundación Terra TermarumCastrolandín de Cuntis, para a realización de demostracións de cerámica do 7 ao 10 de abril, e para os obradoiros previstos para os días 10 e 11 de abril. Estes mesmos días, venres 10 e sábado 11, terá lugar a programación do obradoiro de Las Flores de Greta, en Vigo, que incluirá obradoiros de estampaxe botánica a cargo deste taller, un obradoiro de papiroflexia para adultos a cargo de Joyas de papel, un taller de origami aplicado ao coiro con Coiraxe e un taller de cestería con Capixuta.

Ademais, coincidindo esta celebración, o sábado 11 a Fundación Artesanía de Galicia organiza un novo evento do seu proxecto de comercialización do produto artesán galego Artesanía de Galicia en Merza.

Publicacións Relacionadas