O acto desenvolverase no Centro Cultural Lustres Rivas
O Centro Cultural Lustres Rivas acolle neste xoves, 9 de abril, ás 20.00 horas, a presentación da novela gráfica A tese de Margot; un acto organizado polo Concello de Ribeira.
A autora e debuxante de banda deseñada Alba Ceide, xunto co autor literario Óscar Losada presentarán esta nova publicación dirixida ao público xeral, pero con especial interese para o público adolescente e xuvenil.
Trátase dunha obra pertencente ao xénero biográfico que permite coñecer máis sobre a vida e traxectoria dunha investigadora en lingua galega de comezos do século XX.
Sinopse da novela gráfica
En 1926, a filóloga alemá Margot Sponer viaxa a Galicia para investigar a lingua galega, mergullándose na cultura local e coñecendo as súas xentes. A súa tese de doutoramento fai dela unha pioneira na historia do noso idioma.
Neste cómic acompañamos a Margot nas súas andainas por Galicia, onde forxa amizade con figuras da Xeración Nós, e coñeceremos os posteriores acontecementos vividos no seu país coa presenza do nazismo, que empregou os Xogos Olímpicos de Berlín 1936 como un lugar de propaganda do réxime.



