O Plan Exportou 2026 foi presentado nas instalacións da empresa Aníbal Metalmecánica Gallega S.L. como unha iniciativa posta en marcha hai case unha década entre ambas institucións, orientada a impulsar á internacionalización, a dixitalización e a sustentabilidade das empresas da provincia
O pasado ano este programa logrou prestar case 300 servizos, apoiar a preto de 200 empresas e desenvolver 25 accións, “un impacto máis ca positivo que vén a reforzar o que xa sabemos: apoiar a aqueles que cren e crean no territorio é apostar polo futuro da provincia”, dixo o presidente da Deputación
Menor reclamou a execución das infraestruturas na área empresarial de Ourense “imprescindible para o crecemento industrial da provincia” como son a execución da ampliación do Polígono de San Cibrao, a nova depuradora, a estación de mercadorías, ampliación do Polígono do Pereiro e posta en marcha do de Paderne de Allariz
Pola súa parte, o presidente da CEO, David Martínez, explicou que ExportOU 2026 reforza o seu papel para estar “ao carón das empresas, anticiparse aos desafíos e ofrecer solucións concretas que permitan minimizar riscos e aproveitar oportunidades nun entorno global inestable”
A Deputación de Ourense e a Confederación Empresarial de Ourense veñen de presentar o Plan ExportOU 2026, unha iniciativa que pretende orientar ao tecido empresarial na internacionalización, a dixitalización e a sustentabilidade das empresas ourensás.
A presentación, que tivo lugar nas instalacións da empresa Aníbal Metalmecánica Gallega S.L., correu a cargo do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; a alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Nóvoa; o presidente da CEO, David Martínez; e o representante da empresa anfitrioa, Anibal Blanco.
Na súa intervención, Luis Menor puxo ao programa ExportOU como exemplo de “éxito de cooperación” entre a CEO a Deputación de Ourense, logo de poñer en marcha no 2017 este proxecto para apoiar e asesorar ao tecido empresarial ourensán.
Mostra do éxito que atesoura esta iniciativa é que no ano pasado, logrouse prestar, a través deste programa, case 300 servizos, apoiar a preto de 200 empresas e desenvolver 25 accións, “un impacto máis ca positivo que vén a reforzar o que xa sabemos: apoiar a aqueles que cren e crean no territorio é apostar polo futuro da provincia”, dixo Menor.
Así mesmo, o presidente da Deputación aproveitou a ocasión para reclamar a execución das infraestruturas na área empresarial de Ourense “imprescindible para o crecemento industrial da provincia” como son a execución da ampliación do Polígono de San Cibrao, as obras da nova depuradora “tan importante para estas zona industriais”, que se comprometa a estación de mercadorías, que se amplíe o Polígono do Pereiro e se poña en marcha o de Paderne de Allariz.
ExportOU 2026: un novo ciclo
O ExportOU 2026 inicia unha nova andaina co obxectivo de levar os recursos directamente ás empresas e ás comarcas reforzando así algo que desde a Deputación “temos moi presente nas nosas políticas de goberno: a cohesión territorial e a competitividade provincial”.
Neste sentido, o presidente da CEO, David Martínez, explicou que ExportOU 2026 reforza o seu papel para estar “ao carón das empresas, anticiparse aos desafíos e ofrecer solucións concretas que permitan minimizar riscos e aproveitar oportunidades nun entorno global inestable”.
O presidente provincial desexou que este novo ciclo do ExportOU, logo de nove anos de traxectoria exitosa, volva a ser unha “ferramenta útil, sostible e dixital para os nosos emprendedores”, ratificando a colaboración da Deputación nesta liña de traballo para “contribuír a crear un tecido económico provincial máis resiliente, innovador e preparado para os desafíos do futuro”.
A alcaldesa de San Cibrao das Viñas felicitou á CEO e á Deputación por esta colaboración e agradeceu a elección para realizar esta presentación nunha empresa dun dos polígonos máis grandes e punteiros de Galicia.
Visita polas instalacións de Aníbal Metalmecánica Gallega
A presentación desta nova edición do ExportOU tivo lugar nunha das empresas ourensás que “representa o espírito deste proxecto”, dixo David Martínez, afirmando que Aníbal Metalmecánica Gallega é un “exemplo claro de como o tecido empresarial da nosa provincia é capaz de competir e posicionarse a nivel global”.
Pola súa parte, Anibal Blanco destacou o papel clave das institucións como panca para a internacionalización e puxo en valor as vantaxes competitivas de Ourense, como son a dispoñibilidade de talento, a calidade de vida e a conectividade, defendendo que estes factores permiten atraer investimentos e competir con éxito nos mercados globais. O acto rematou cunha visita ás instalacións da mesma.–



