- O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a temperatura media foi de 11,8 graos, nove décimas por riba do valor habitual
- En canto ás precipitacións, a media acumulada foi de 35 litros por metro cadrado, que é un 65% inferior ao frecuente neste período e o sitúa como o oitavo mes de marzo máis seco da serie histórica
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de marzo moi cálido e moi seco.
Deste xeito, as temperaturas foron, en xeral, elevadas para esta época tanto nos valores mínimos como nos máximos debido, esencialmente, á situación anticiclónica rexistrada na segunda quincena do mes. En canto ás precipitacións, quedaron, en conxunto, por debaixo do agardado xa que as frontes que chegaron na primeira quincena non foron moi activas e a partir do día 15 apenas se rexistraron chuvias, quedando a situación en Galicia dominada polas altas presións e a estabilidade.
Máis polo miúdo, a temperatura media en marzo foi de 11,8 graos, o que supón nove décimas por riba do valor normal climatolóxico, segundo os datos rexistrados en once estacións meteorolóxicas representativas. Estes datos fan que o pasado mes se poida considerar como moi cálido.
En concreto, a media da temperatura mínima foi de 6,5 graos e a da máxima foi de 17 grados. En ambos casos foron nove décimas superiores aos valores habituais para un mes de marzo. As temperaturas máis altas -entre 18,6 e 20,1 grados- rexistráronse en áreas do Miño de Ourense e do val do río Tea mentres que as máis baixas -entre 0,8 e 2,2 grados- déronse nas serras da Queixa, Calva e do Larouco, na provincia de Ourense.
No que atinxe ás precipitacións, a media acumulada na Comunidade para a serie histórica 1961-2026 foi de 35 litros por metro cadrado, o que, segundo os datos rexistrados en 16 estacións meteorolóxicas representativas, é un 65% inferior aos valores climáticos normais. Así, pode considerarse un mes moi seco e, de feito, foi o oitavo marzo máis seco desde que hai rexistros.
Os acumulados máis altos, con datos entre 80 e algo máis de 100 litros por metro cadrado, rexistráronse no extremo oeste da provincia da Coruña e a menor cantidade de precipitación deuse nas depresións de Lemos e de Ourense e foi inferior aos 20 litros por metro cadrado.



