Urxe de novo ao Goberno central a activación dos incentivos fiscais para impulsar a colaboración empresarial
A Xunta avanza de xeito planificado e programado na organización do Xacobeo 2027 na procura dunha celebración á que “Galicia chega nun contexto de fortaleza turística e de crecemento continuado do Camiño”. Así o puxo de manifesto o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles esta mañá no Parlamento de Galicia onde volveu a reiterar que a Xunta está a cumprir os obxectivos en canto á organización do evento mentres que o Goberno central segue sen activar as exencións fiscais que permitirán sumar a participación de empresas na celebración do Xacobeo 2027.
Durante a súa intervención, Xosé Merelles salientou que o traballo iniciado co Plan Estratéxico do Xacobeo 2021 constitúe a base sobre a que se están a desenvolver os preparativos do vindeiro Ano Santo, cunha visión de continuidade que abrangue tamén futuras edicións, neste caso, o Xacobeo 2027
Neste sentido, o director de Turismo de Galicia salientou que o traballo que se está a facer responde “a unha estratexia de país” na que as liñas mestras marcadas permiten un modelo de xacobeo sostible, descentralizado e participativo. Este formato avoga por “coordinar administracións, definir as liñas estratéxicas do Plan, aprobar a programación, promover a participación privada, impulsar incentivos fiscais, supervisar a execución e facer seguimento e avaliación das accións aprobadas”, salientou.
Así, entre as actuacións concretas postas en marcha, Xosé Merelles salientou a aprobación do Plan Director de Patrocinios do Xacobeo 2027, que introduce mecanismos de selección e avaliación de proxectos con criterios de impacto cultural, social e económico. Ademais, a Xunta tamén avanzou no decreto regulador da marca Xacobeo 2027, concebido como unha ferramenta clave de gobernanza e ordenación do evento.
No ámbito da participación social, o director de Turismo de Galicia puxo en valor a convocatoria do programa ‘O teu Xacobeo 2026’, orientada a implicar á sociedade na dinamización dos valores xacobeos e na construción dunha programación diversa e territorialmente equilibrada. Deste xeito, indicou Xosé Merelles, “estamos a activar participación, dinamizar territorio e anticipar o acontecemento”.
Neste sentido, salientou que o Goberno galego está a demostrar un compromiso serio coa celebración deste evento tendo en conta a repercusión e a xeración de riqueza que supón para esta comunidade. Sen embargo, lamentou que o nivel de compromiso non sexa o mesmo por parte do Goberno central que aínda segue sen activar as exencións fiscais para as empresas, o que está repercutir negativamente no deseño e programación do Xacobeo 2027. “Estamos ante un proceso xa encarrilado que agora require que o Estado complete sen máis demora a arquitectura administrativa correspondente”, afirmou.
Xunto á planificación programática, o director de Turismo de Galicia incidiu tamén nas actuacións estruturais xa en marcha, como a mellora da rede de albergues, o control dos fluxos de peregrinos, a accesibilidade e seguridade nas rutas e a posta en valor do patrimonio vinculado ao Camiño de Santiago.
Finalmente, Xosé Merelles concluíu que Galicia chega ao horizonte de 2027 nun contexto de crecemento e consolidación do Camiño, e reiterou que o éxito do Xacobeo require coordinación institucional e responsabilidade compartida, especialmente no ámbito da acollida final en Santiago de Compostela.



