- Ángeles Vázquez anuncia que o investimento para financiar esta actuación se incrementará ata os 2,2 millóns de euros para garantir que as futuras instalacións cumpran cos máximos requisitos técnicos e ambientais
- Os traballos, con remate previsto entre finais deste ano e comezos do próximo e dos que xa se certificou case a metade do importe, contribuirán a optimizar o saneamento municipal e a calidade das augas nas concas do río Mendo e do Miño
A Xunta de Galicia avanza nas obras de construción da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Salvaterra de Miño, unha infraestrutura deseñada para dar servizo a unha poboación duns 2.310 habitantes e que unha vez estea operativa mellorará de forma notable a calidade do servizo neste municipio.
Durante unha visita á zona na que se localizará a futura instalación hidráulica, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou a transcendencia desta infraestrutura non só para a veciñanza das sete parroquias ás que beneficiará —Leirado, Soutolobre, Corzáns, Fiolledo, Oleiros, Meder e Salvaterra— senón tamén para a calidade das augas nas concas do río Mendo e do Miño.
Neste sentido, incidiu en que estas intervencións contribúen á protección do medio e da saúde pública e non serían posibles sen a colaboración entre administracións, polo que considerou esta obra un exemplo de “cooperación institucional”.
De feito, a responsable autonómica anunciou que se ben o investimento previsto no convenio asinado no seu día entre Augas de Galicia e o Concello de Salvaterra para impulsar esta actuación era de 2 millóns de euros, nestes momentos estase a tramitar unha addenda co fin de incrementalo ata os 2,2 millóns e garantir así que a infraestrutura se execute con todos os requisitos técnicos e ambientais.
Tras lembrar que a actuación conta con cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), explicou tamén que a futura instalación foi deseñada aplicando a tecnoloxía máis moderna e eficiente para atender as necesidades de depuración de 2.310 habitantes equivalentes. É dicir, a poboación á que se calcula que tería que dar servizo no horizonte do ano 2040.
Por iso, subliñou que o obxectivo é dar resposta ás necesidades actuais e futuras do municipio, garantindo un servizo esencial adaptado ao crecemento e desenvolvemento previsto de Salvaterra do Miño.
Características técnicas
A estación depuradora do río Mendo terá capacidade para atender un caudal punta de 118,08 m3/h e integrará os procesos de pretratamento de augas residuais, by-pass xeral, bombeo, decantación primaria co fin de sedimentar areas, reter graxas e almacenar lodos e reactor biolóxico mediante o uso de biodiscos.
Ademais da nova EDAR, os traballos en execución comprenden tamén outras actuacións que incidirán na mellora do servizo de saneamento nesta zona, como a construción dun colector de conexión á rede da parroquia de Oleiros, dous pozos de bombeo ou un colector-emisario para conducir o efluente xa depurado ao río Miño.
Os traballos avanzan a bo ritmo e, de feito, a estas alturas xa está certificado preto da metade do importe da obra. Ao longo do mes de maio está prevista a chegada dos principais equipos que formarán parte da instalación (biodiscos, decantadores…) e calcúlase que todas as actuacións poderán estar rematadas entre finais deste mesmo ano e comezos do seguinte.
Para concluír, Ángeles Vázquez incidiu en que, aínda que a prestación dos servizos de saneamento e abastecemento son unha responsabilidade de competencia municipal, a Xunta leva anos prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos en materia hidráulica para garantir a súa calidade e o acceso da poboación aos mesmos.
Cómpre lembrar que os orzamentos deste ano de Augas de Galicia, cunha contía global de 151,7 millóns de euros (un 5,5% máis que en 2025), reservan 84,1 millóns de euros a investimentos en materia de saneamento, tanto para a execución de infraestruturas hidráulicas como para outras actuacións.



