HomePontevedraO BNG demanda unha enérxica intervención pública ante a continua perda de...

O BNG demanda unha enérxica intervención pública ante a continua perda de empregos na industria de Vigo

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista culpa ás “nefastas” políticas da Xunta gobernada polo PP do novo aumento do paro na industria viguesa, que perdeu 3.500 postos de traballo dende 2009

Xabier P. Igrexas: “Non podemos tolerar a inacción do Goberno de Rueda nin aceptar que o futuro da nosa cidade se limite a ser un parque temático para o turismo de excursión”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) demanda unha enérxica intervención pública diante da continua perda de empregos na industria de Vigo. Así o reclamou este martes o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, quen culpou desta perda de músculo industrial ás “nefastas” políticas da Xunta gobernada polo PP.

A fronte nacionalista alerta de que os últimos datos oficiais de paro evidencian que o desemprego na industria viguesa aumentou nun 2,5% en marzo, e até un 5% durante o último semestre. Un problema que “vén de lonxe”: dende o ano 2009, destruíronse 3.500 postos de traballo e, na última década, desapareceron o 18% das empresas do sector.

“Mentres se destrúe emprego industrial o que medra é a precariedade, con máis contratos temporais, máis parcialidade e salarios que non chegan”, advirte Igrexas, lamentando que hoxe hai moitas familias traballadoras na cidade que “non poden vivir con dignidade malia ter un emprego”.

O portavoz municipal do Bloque sinala de forma directa ao Goberno de Alfonso Rueda. “Non podemos tolerar a súa inacción mentres a desertización produtiva da maior cidade do noso país avanza sen freo”, censurou. Do mesmo xeito, cuestionou aceptar que o futuro de Vigo “se limite a ser un parque temático para o turismo de excursión”.

Políticas “decididas e valentes”

Frente a este contexto, o BNG reitera a esixencia de despregar unha “enérxica” intervención pública para que Vigo volva ser o “potente pulmón produtivo” de Galiza. “Para poñer poñer en marcha as enormes potencialidades que temos e nos converter na capital galega da innovación, da tecnoloxía e das comunicacións”, defende Igrexas.

Para o portavoz municipal nacionalista é momento de políticas “decididas e valentes” que permitan garantir “o dereito irrenunciábel a vivirmos dignamente do noso traballo na nosa terra”. Con medidas para combater o desemprego, a precariedade e a emigración, que segue expulsando de Vigo e Galiza a millares de persoas por falla de oportunidades.

Entre as propostas, dende o Bloque chamaron a poñer en marcha un plan de reactivación industrial na comarca de Vigo, un Centro de Reparacións Navais e a creación dun Centro Metropolitano de Impulso Tecnolóxico. “É hora de actuar, porque sen industria non hai futuro e Vigo non se pode resignar a seguir quedando atrás”, afirma Igrexas.

Publicacións Relacionadas