Música e teatro centran mañá mércores a programación das festas de San Telmo en Tui.
A primeira cita será ás 16.30 h coa actuación da coral do Centro Sociocomunitario de Tui no Centro de Día Amoralia.
O Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela acollerá a partir das 18 h o primeiro concerto do alumnado do Conservatorio Profesional / Elemental e da Escola de Música de Tui nestas festas, xa que volverán actuar tamén o xoves no mesmo horario.
Xa ás 21 h comezará no Teatro Municipal de Tui a representación de “Error 404”, a obra que o grupo de teatro A Insua de Caldelas de Miño estrea dentro da XVI Semana de Teatro Amador. Sofía González Durán é a autora e directora da obra que interpretan Ana Pena, Alberto Raúl Santa María, Consuelo Besada, Gabriel López, Josefa Carrera, María del Mar Alonso, Marisa Villaverde, Rosa María González, Sofía Pimentel, Susana Lorenzo e Vanesa Villar.
A obra lévanos até o ano 2050, onde a tecnoloxía forma parte da vida cotiá até que un día algo comeza a fallar. O espectáculo pon o foco no uso – e abuso – da tecnoloxía, nas redes sociais, na competitividade e na dificultade de escoitarnos de verdade.
As entradas para esta obra teatral están á venda en tui.gal até mañá mércores ás 18 h, e pode adquirirse tamén dende ás 20 h no despacho de billetes ao prezo de 2€.



