3.519 persoas percorreron esta vía o pasado mes. Tui foi o segundo punto de partida de todos os Camiños de Santiago
Mais de 3.500 peregrinos e peregrinas teñen percorrido o Camiño Portugués ao seu paso por Tui o pasado mes de marzo. Foron en concreto 3.519 persoas, o que supón un incremento do 18% con respecto ao mesmo mes do pasado ano. Deste total o 71%, é dicir 2.149, eran estranxeiros, e o 29%, 1.032 persoas, españois. Confírmase así o marcado carácter internacional desta ruta xacobea.
Tamén se rexistrou un incremento nestes tres primeiros meses do ano do 16% con respecto a 2025, xa que foron 4.921 os peregrinos e peregrinas que en xaneiro, febreiro e marzo realizaron o Camiño Portugués. Neste mesmo período, o Camiño Francés rexistrou 23.869 peregrinos e o Camiño Portugués da Costa 3.608, con incrementos similares aos do Camiño Portugués, o que confirma a tendencia de crecemento das rutas xacobeas.
Os datos do mes de marzo consolidan ademais o papel estratéxico de Tui nos Camiños de Santiago. A cidade mantense como o segundo lugar elixido polos peregrinos para iniciar a súa peregrinación, con 1.234 persoas, superada unicamente por Sarria, no Camiño Francés, con 7.376 peregrinos. Máis dun terzo dos peregrinos do Camiño Portugués, en concreto o 35,4%, escollen Tui para comezar o seu Camiño, atraídos pola súa situación estratéxica como porta de entrada en Galicia, polo seu patrimonio histórico e pola infraestrutura turística da cidade.
Esta tendencia tamén se mantén nas estatísticas anuais, nas que Sarria e Tui lideran como principais puntos de inicio da peregrinación neste ano 2026, seguidas de Porto e Ferrol.
En canto á procedencia dos peregrinos españois no mes de marzo, destacan Andalucía (324 peregrinos), Madrid (148), Comunidade Valenciana (119), Cataluña (94) e Castela e León (85). No ámbito internacional, os principais países de orixe foron Portugal (369 peregrinos), Alemaña (319), Estados Unidos (243), Italia (186) e Brasil (99).
Cómpre lembrar tamén que unha parte importante dos peregrinos do Camiño Portugués da Costa que chegan a Galicia fano a través do trazado que, desde Caminha, continúa por Vilanova de Cerveira, Valença e Tui, reforzando o papel da nosa cidade como porta de entrada do Camiño Portugués en Galicia, aínda que estes datos non sempre aparecen reflectidos nas estatísticas da Oficina do Peregrino.
A concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana María Núñez Álvarez, destaca que “o Camiño Portugués mantén un crecemento sostido nos últimos anos e Tui consolídase como a gran porta de entrada e punto de inicio desta ruta, o que nos sitúa como a auténtica capital do Camiño Portugués”. A concelleira de Turismo sinala que “estes datos son moi positivos para a economía e o emprego na cidade, pero tamén supoñen unha responsabilidade para seguir traballando nun modelo de acollida hospitalaria, sostible e de calidade”.



