O Concello de Ponteareas celebrará mañá, 8 de abril de 2026, o Día Internacional do Pobo Xitano cunha xornada aberta á cidadanía deseñada polo Programa de Emerxencia e Inclusión Social do Concello de Ponteareas baixo o título “Sentir o Pobo Xitano: unha viaxe a través dos sentidos”.
A actividade desenvolverase entre as 16:00 e as 19:30 horas na Praza Maior, nun espazo pensado para achegar á veciñanza a cultura, a historia e a identidade do pobo xitano a través dunha experiencia sensorial, participativa e comunitaria.
O obxectivo desta proposta é crear un espazo de encontro onde a cidadanía de Ponteareas poida coñecer a realidade xitana, eliminar prexuízos e celebrar a identidade compartida, promovendo a convivencia, o respecto e a interculturalidade.
Entre os obxectivos específicos da xornada destacan a divulgación histórica da traxectoria do pobo xitano, a participación activa da propia comunidade na transmisión da súa cultura, a fusión de tradicións locais coa simboloxía romaní e o recoñecemento institucional mediante a lectura dun manifesto e a tradicional Cerimonia do Río.
O espazo organizarase arredor de catro mesas temáticas, atendidas polas educadoras sociais coa colaboración de persoas referentes da comunidade:
Mesa 1: A vista – Historia e memoria
Contará cunha exposición de material bibliográfico, arquivos fotográficos e obxectos representativos co fin de contextualizar o pasado e o presente do pobo xitano a través do soporte visual e documental.
Mesa 2: O oído – O son que nos une
A través dunha selección musical elaborada en colaboración coa comunidade xitana, a cidadanía poderá achegarse ás pezas que mellor representan a súa cultura e momentos vitais como nacementos, vodas ou o dó. Incluirase tamén o himno da comunidade xitana.
Mesa 3: O gusto e o olfacto – O aroma da hospitalidade
Neste espazo prepararase un café de pucheiro xitano, guiado por unha muller da comunidade. O aroma e o sabor converteranse nun vehículo para crear un ambiente de confianza, encontro e irmandade.
Mesa 4: O tacto – Deixando pegada
A xornada incluirá a creación dun mural colectivo con símbolos clave da cultura xitana, como a roda, as rosas e as cores da bandeira, así como a confección dunha alfombra floral con pétalos, integrando a tradición alfombrista de Ponteareas coa simboloxía xitana.
A programación rematará ás 19:00 horas na Ponte Vella, coa celebración da tradicional Cerimonia do Río, un acto solemne de gran simbolismo para a comunidade xitana, acompañado da lectura dun manifesto e dunha ofrenda floral.
Con esta iniciativa, o Concello de Ponteareas reafirma o seu compromiso coa inclusión social, a igualdade e o recoñecemento da diversidade cultural como valor fundamental da convivencia.
PROGRAMA DE EMERXENCIA SOCIAL CON PERSOAS EN RISCO DE EXCLUSIÓN SOCIAL 2025-2027 (Cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, ao abeiro da RDE do 30 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades locais para programas de inclusión social para os anos 2025-2027, código de procedemento BS623C)



