HomeVigoMosO Concello de Mos lembra a obriga legal de manter limpas as...

O Concello de Mos lembra a obriga legal de manter limpas as parcelas como medida preventiva contra os incendios

- Anuncio -spot_img

O Concello de Mos lembra á veciñanza a obriga legal de manter limpas tódalas parcelas situadas no termo municipal, en cumprimento do establecido na Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, fixando como data límite o 31 de maio para ter realizadas as labores de limpeza.

Este recordatorio enmárcase na campaña municipal anual de prevención e control da biomasa. Corresponde ao Concello de Mos ordenar a execución dos labores de conservación, e este ano reforzará as brigadas para a realización destes traballos de xeito subsidiario nos casos de incumprimento.

Segundo a normativa vixente, as persoas propietarias deben garantir a xestión da biomasa vexetal, especialmente nas faixas de seguridade próximas a vivendas, mantendo libres de maleza e de especies pirófitas como piñeiro, eucalipto, mimosa ou toxo os terreos situados nun radio mínimo de 50 metros arredor das edificacións.

A alcaldesa de Mos, Nidia María Arévalo Gómez, subliñou que “é fundamental cumprir cos prazos establecidos e actuar con responsabilidade. Dende o Concello de Mos imos garantir tamén o cumprimento da normativa, actuando cando sexa necesario”.

Arévalo engadiu que “imos intensificar os controis e actuar con firmeza nos casos de incumprimento. Non imos permitir que a falta de limpeza das parcelas poña en risco vivendas e persoas”.

Deste xeito, o Concello de Mos manterá e reforzará as tarefas de inspección e control, así como o traballo das brigadas municipais, co obxectivo de garantir o cumprimento da normativa e reducir o risco de novos lumes.

Tamén se advirte de que o incumprimento destas obrigas poderá derivar na execución subsidiaria por parte da administración local e na imposición de sancións económicas, que poden oscilar entre os 600 e os 2.000 euros, en función da superficie afectada e da gravidade da infracción. En casos excepcionalmente graves as sancións poderían chegar ata os 10.000 euros.

Dende o Concello de Mos apélase á responsabilidade individual como elemento clave para a protección do territorio, da seguridade das persoas e do patrimonio natural.

Publicacións Relacionadas