Os nacionalistas súmanse á preocupación amosada polo sector da hostalería, logo de que non se cumprisen as expectativas nesta primeira toma de contacto da tempada estival
O Bloque lamenta que a incapacidade do alcalde á hora de impulsar programacións e propostas se prolongue durante calquera época do ano que non sexa o verán. “Hai máis impostos, máis cemento, pero menos turistas”
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo achaca a baixada de visitantes rexistrada na Semana Santa á deixadez e á falta de interese por parte de Telmo Martín á hora de tratar de buscar e promover propostas que sirvan para ampliar a oferta de lecer no municipio. “O alcalde garante máis cemento, máis impostos e, agora, tamén menos turismo”, sinalan os nacionalistas, que se fan eco da preocupación amosada polo sector turístico, logo de que a ocupación acadada durante os días festivos non chegase ás pesquisas que se agardaban.
“Nesta ocasión o señor Martín non pode culpar aos elementos”, apuntan desde o Bloque, que inciden en que a baixada no número de visitantes é evidente, se se compara con outros anos nos que en Semana Santa as condicións meteorolóxicas tamén acompañaron. Isto foi o que sucedeu, por exemplo, tanto en 2022 como en 2023, nas que o sol e as altas temperaturas foron protagonistas e a ocupación chegou practicamente ao 80%. “O alcalde presume de xestión, pero o único que parece saber facer é encomendarse á climatoloxía. A realidade é que a primeira toma de contacto da tempada alta deixou preocupado ao sector hostaleiro, que xa durante o resto do ano se sobrevive é grazas á súa profesionalidade e non porque o Goberno do Partido Popular impulse programas e actividades interesantes e que sirvan para atraer xente”, denuncia o BNG. É o propio sector o que recoñece que esta Semana Santa deixa un sabor agridoce, ao non pasar do 73% de ocupación, e apunta á necesidade de reforzar a programación de actividades, unha cuestión na que o Bloque tamén incidiu en máis dunha ocasión, sen que o Goberno local fose quen de reaccionar.
“Haberá que ver se esta inacción continúa por parte de Telmo Martín, que segue a ser incapaz de promocionar Sanxenxo como é debido máis alá de presumir do Paseo de Silgar e do Porto Deportivo”, critican os nacionalistas, que tamén achacan a situación á decisión do alcalde de eliminar a presenza dos grupos da oposición nas entidades públicas, como Turismo de Sanxenxo, limitando así “a nosa capacidade para realizar propostas”.
Neste sentido, o BNG advirte de que foron varios os establecementos que xa nin sequera optaron por abrir durante a Semana Santa, en lugares de referencia como A Lanzada, Portonovo ou mesmo no propio centro de Sanxenxo. “Existe unha carencia de oferta lúdica alternativa en Semana Santa que pasou factura a Sanxenxo nun dos anos nos que tivemos unha mellor meteoroloxía”, salientan desde o Bloque, que critican a teima de Telmo Martín de preocuparse só polo verán. “Ano tras anos vemos como só se impulsan eventos de magnitude en xullo ou en agosto, deixando de lado o resto do ano, o que supón un grave problema para a dinamización económica de varios sectores e, por extensión, para a veciñanza”, advirten os nacionalistas, que recordan que cada unha das súas propostas son rexeitadas, de xeito sistemático, polo Partido Popular. O último exemplo se viviu no Pleno de marzo, cando o PP non tivo en conta a proposta do BNG de promover un espazo de lecer para a mocidade. “Telmo Martín xa deixou moi claro no seu momento que non ía aceptar ningunha proposta doutro partido que non sexa o seu, aínda que iso provoque unha perda de calidade de vida da nosa veciñanza e dos nosos sectores económicos locais”, lamentan os nacionalistas.
A todo isto hai que sumar, unha vez máis, a preocupante imaxe que trasladou Sanxenxo durante a Semana Santa. O mal estado dos
contedores do lixo é un exemplo gráfico. “Hai recipientes que se atopan en lugares urbanos, como a avenida de León ou noutros puntos da PO308, que levan meses rotos, sen cuberta ou cun mal funcionamento para a súa apertura. Se falamos do rural, aínda é peor. Pero o alcalde só se preocupa polo que ocorre arredor da Madama de Silgar”, conclúe o BNG.



