Baixo o lema “Mulleres, raíces e copa do sector forestal”, Esther Merlo Sánchez, enxeñeira de montes e doutora especializada en calidade da madeira e mellora xenética forestal , protagoniza o recoñecemento da Área de Igualdade da institución provincial, que dirixe Teresa Barge
A Deputación de Ourense continúa desenvolvendo a campaña institucional “8M, Mes a Mes”, unha iniciativa organizada desde a Área de Igualdade que dirixe a deputada provincial Teresa Barge e que visibiliza o talento feminino da provincia ao longo de todo o ano. Neste mes de abril, a protagonista é Esther Merlo Sánchez, enxeñeira de montes e doutora especializada en calidade da madeira e mellora xenética forestal, recoñecida polo seu compromiso co territorio e polo seu papel transformador no sector forestal.
Baixo o lema “Mulleres, raíces e copa do sector forestal”, a institución provincial rende homenaxe a unha profesional cuxa traxectoria está marcada polo rigor científico, a innovación sostible e a defensa dun territorio vivo. Esther Merlo Sánchez representa unha voz que observa, guía e transforma, nun sector forestal que avanza entre retos ambientais e novas oportunidades de desenvolvemento.
Formada como enxeñeira de Montes na Universidad Politécnica de Madrid, onde tamén acadou o doutoramento, Esther Merlo Sánchez construíu unha sólida carreira centrada na calidade da madeira e na mellora xenética forestal. A súa experiencia investigadora en Lourizán e no CIS-Madeira consolidouna como unha das voces máis respectadas na cadea monte-industria, destacando pola súa capacidade de unir coñecemento científico e aplicación práctica.
Ademais da súa faceta investigadora, Esther Merlo Sánchez destaca polo seu papel pioneiro nun sector tradicionalmente masculinizado. Desde a dirección de MADERA+ ata a súa participación activa no Colexio Oficial de Enxeñeiros de Montes, a súa traxectoria exemplifica un liderado feminino comprometido cun futuro forestal máis sostible, innovador e humano.
A súa vinculación con Ourense constitúe, ademais, un dos elementos máis significativos da súa historia profesional e persoal. A provincia converteuse no seu fogar e no punto de partida dunha carreira que aposta polo monte como motor económico, ambiental e social. Desde aquí, defende a madeira local, a innovación forestal e a importancia de manter vivo o territorio rural.
A campaña “8M, Mes a Mes” da Deputación de Ourense continúa así “poñendo en valor o talento feminino que constrúe provincia, visibilizando referentes que, como Esther Merlo Sánchez, contribúen a fortalecer o tecido económico e social desde o compromiso co territorio e coa igualdade”, tal e como explica a deputada de Igualdade, Teresa Barge.



