Este tramo, que se enmarcaría na etapa entre Corme e Laxe da senda promovida polo Goberno galego, precisaría dunha actuación para a súa mellora funcional e estética
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, avaliaron nunha reunión que mantiveron hoxe as melloras que precisa un tramo da senda que transcorre ao carón da marxe esquerda do río Anllóns e que está previsto que forme parte do Camiño do litoral.
Nese senso, a conselleira e o rexedor avaliaron vías de colaboración para acometer melloras funcionais e estéticas no tramo da contorna do Malecón, que dá continuidade ao paseo xa existente nesa zona. En concreto, a actuación consistiría en homoxeneizar o percorrido coas mesmas tipoloxías construtivas e criterios ambientais que o tramo anterior.
Ángeles Vázquez indicou que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático podería colaborar no desenvolvemento deses traballos ao abeiro dalgunha das iniciativas deseñadas para a posta en marcha do Camiño do Litoral.
De feito, segundo lle dixo a conselleira ao rexedor, ese itinerario está incluído na proposta de trazado do Camiño do litoral, está a deseñar a Xunta para poñer en valor a riqueza ambiental, paisaxística, cultural e etnográfica do patrimonio costeiro galego. En concreto, formaría parte do trazado da etapa entre Corme e Laxe.
Nesa liña, fíxose un exhaustivo traballo de campo ao longo de todo o percorrido para coñecer a situación, identificar necesidades e posibles melloras, así como optimizar as accións a acometer aproveitando o xa existente.
A continuación, está previsto acometer traballos de mellora do trazado nalgúns puntos que o necesiten e por en marcha unha aplicación móbil na que se ofrecerá información de interese sobre as distintas etapas ou sobre o patrimonio cultural próximo.



