HomeTabeirósA EstradaLópez Campos celebra que o legado do estradense Manuel Reimóndez “se estenda...

López Campos celebra que o legado do estradense Manuel Reimóndez “se estenda a toda Galicia”

- Anuncio -spot_img

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude inaugura na Coruña a exposición organizada polo Concello da Estrada dedicada a este persoeiro despois do seu paso polo municipio da Estrada

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, celebrou hoxe que “o legado do estradense Manuel Reimóndez, tan comprometido coa cultura galega, se estenda a toda Galicia”. Fíxoo na inauguración da exposición Manuel Reimóndez Portela. O médico de San Miguel, organizada polo Concello da Estrada coa colaboración da Xunta e que, tras mostrarse neste municipio o pasado mes de setembro, chega agora á Coruña.

Neste senso, o representante do Goberno galego lembrou sobre o homenaxeado o seu “compromiso innegable a prol da cultura galega, así como o seu traballo por documentar e difundir a riqueza histórica, cultural e o folclore da comarca, preservando a memoria colectiva”. Ademais, resaltou sobre a súa figura que “tras o seu labor como médico rural durante máis de dúas décadas, canalizou despois a súa paixón pola historia, a arte e as tradicións locais cara diversas iniciativas que tiveron repercusión para a sociedade”.

A proposta, que poderá visitarse na Sala Salvador de Madariaga ata o 9 de maio, fai un repaso pola súa profesión, na que era coñecido como o “médico dos pobres”, así como pola súa faceta de dinamizador cultural, o seu labor investigador ou o seu seu papel na política. Trátase dunha mostra fraguada ao abeiro da iniciativa A Estrada Mostra, que ata finais do ano pasado acolleu tres exposicións, a dedicada a Manuel Reimóndez Portela, outra sobre Avelina Valladares e tamén sobre Castelao.

Publicacións Relacionadas