HomeA CoruñaCarral inaugura este sábado a nova pista municipal de tenis cunha xornada...

Carral inaugura este sábado a nova pista municipal de tenis cunha xornada aberta á cidadanía

- Anuncio -spot_img

• A actividade empezará a partir das 17.00 horas e conta coa colaboración do Club Escola de Tenis Marineda.

O vindeiro sábado 11 de abril, en horario de tarde, terá lugar a inauguración da pista municipal de tenis de Carral, nun acto aberto á cidadanía e concibido para achegar este deporte a veciños e veciñas dunha forma dinámica e participativa.

Para esta xornada contarase coa colaboración do Club Escola de Tenis Marineda, que será o encargado de dinamizar a actividade mediante unha sesión práctica de tenis dirixida a todos os públicos, combinando exhibición e participación das persoas asistentes.

A actividade desenvolverase entre as 17.00 e as 18.30 horas e dará comezo cunha breve presentación, acompañada dunha demostración inicial a cargo dun grupo de xogadores e xogadoras en idade xuvenil, que realizarán un exemplo de inicio dunha sesión de adestramento con exercicios de quecemento físico e específico de tenis.

A continuación, terá lugar unha demostración práctica de adestramento de golpes de fondo e de rede, protagonizada polos xogadores e xogadoras dos equipos cadetes do club. Posteriormente, desenvolverase un exercicio centrado no adestramento do saque, seguido dun exemplo de xogo final no que se recrearán situacións reais de partido, incluíndo puntos con saque e resto.

A xornada finalizará cunha foto de grupo na que participarán tanto os xogadores e xogadoras como as persoas asistentes.

Esta actividade está concibida cun carácter participativo, de xeito que, en función do número de asistentes e da súa disposición, o público poderá tomar parte nos diferentes xogos e exercicios propostos.

En caso de menor afluencia, a xornada desenvolverase en formato de exhibición por parte dos xogadores e xogadoras cadetes, ofrecendo un espectáculo deportivo de gran atractivo polo seu nivel de xogo.

Publicacións Relacionadas