O Concello rescindirá o contrato con Opain por “abandono flagrante da obra sen xustificación” e adxudicará o reinicio dos traballos polo procedemento de emerxencia
As obras da Avenida de Portugal reanudaranse ao longo da próxima semana. Así o anunciaron esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro de Obras públicas, Francisco Lorenzo.
O rexedor explicou que, logo de que os técnicos municipais avaliaran todas as opcións posibles, determinouse que procede rescindir o contrato asinado no seu día polo Concello coa empresa Opain para executar os traballos de humanización da rúa por un “abandono flagrante da obra sen xustificación”.
Pérez Jácome detallou que, de acordo co establecido na lexislación, o Concello “procederá á retención de avais e a impoñer as sancións pertinentes á empresa, e facela responsable de todas as perdas que se poidan ocasionar, incluídas, se as hai, perdas de subvencións”. O Concello, engadiu o alcalde, tamén valora solicitar a prohibición de que a empresa Opain poida seguir contratando con calquera administración pública en toda España durante 5 anos.
O Concello traballa na reanudación inminente das obras. Así, o alcalde avanzou que os servizos técnicos municipais entenden que, dado o estado no que a empresa deixou a rúa, parte da obra podería contratarse polo procedemento de emerxencia, que permite axilizar ao máximo a adxudicación. Tamén se estudiaron outras alternativas, detalla Pérez Jácome, como a cesión de mutuo acordo da obra, por parte de Opain a outra empresa ”pero foi imposible polas trabas que puxo a actual adxudicataria”.
O alcalde agarda que as obras se reanuden a próxima semana. Sostén que se trata dun “tempo récord”: “ante esta problemática que asola a toda España, xa que está ocorrendo en todas as cidades (non hai máis que mirar en Internet), é un tempo récord que nun mes teñamos a reanudación das obras”, asegurou Pérez Jácome.



