O pleno da Deputación reforza o seu compromiso coa candidatura da cidade de Vigo para que Balaídos sexa unha das sedes do Mundial de fútbol do ano 2030

adminON

Aprobada unha moción do Grupo Popular que amosa o “absoluto apoio” da Deputación á candidatura da cidade de Vigo e pide á RFEF que faga públicos os criterios de baremación

Na sesión aprobouse unha modificación de crédito por valor de 4,2 millóns que inclúe axudas a entidades de todos os ámbitos por valor de máis de 350.000€, obras en edificios da Deputación por máis de 1M€ e a 400.000€ para a Bienal de Pontevedra

O pleno aprobouse a execución da sentenza para incluír ao Concello do Porriño como beneficiario do programa ReacPon, do que fora excluído, así como a dotación dos fondos para executar o proxecto (645.000€) incluída na modificación de crédito

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres, na sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de marzo, unha moción presentada polo Grupo Popular para amosar o apoio da Deputación á candidatura da cidade de Vigo para converter o estadio de Balaídos en sede do Mundial de fútbol do 2030, esixir á RFEF que faga públicos os criterios de baremación e as puntuacións técnicas de todas as cidades que aspiraban a acoller partidos da fase final desta competición e demandar o establecemento de conversacións directas e un traballo técnico rigoroso entre o Concello e a RFEF para abordar o procedemento levado a cabo para a designación das sedes co obxectivo de esclarecer os feitos. Á hora de votar esta proposta, presentada polo procedemento de urxencia, os grupos do PSOE e BNG rexeitaron participar no debate e votación, e abandonaron o salón de plenos.

Durante a sesión, tamén se votou unha modificación de crédito por valor de 4,2 millóns de euros que servirán para executar obras de mellora en centros de titularidade da Deputación, a posta en marcha dun novo curso de SmartPeme, acatar unha sentenza favorable ao Concello do Porriño relacionada co programa ReacPon do ano 2021 e repartir subvencións a distintas entidades do ámbito social, cultural, científico, deportivo ou empresarial que prestan servizo na provincia. Así mesmo, a sesión serviu para a aprobación por unanimidade da modificación dos proxectos do PON2030 dos concellos de Nigrán e Tui, así como o proxecto definitivo para o ensanche e mellora da seguridade viaria da EP-2702 entre Amoedo e Os Valos, no termo municipal de Pazos de Borbén. Do mesmo xeito, saíron adiante dúas mocións presentada polo Grupo Popular para pedir ao Goberno da dragaxe do río Miño e a saldar a débeda do Goberno con Galicia no sistema de dependencia.

O pleno comezou coa lectura dun discurso a cargo dun voceiro da veciñanza de Bueu que reclaman unha mellora na contorna de Cabo Udra, que o presidente Luis López xa adiantara hai unha semana ao alcalde Félix Juncal que executará este mesmo ano. A sesión continuou coa aprobación, cos votos a favor do Grupo Popular e a abstención dos grupos socialistas e nacionalistas, do expediente de modificación de crédito, a segunda do ano, por un importe total de 4,2 millóns de euros que se financia con cargo a remanentes líquidos de tesourería. Este acordo serve para poñer en marcha investimentos que se destinarán, entre outros fins, á posta en marcha dun novo programa Smart Peme (1,1M€), á mellora de centros de titularidade da Deputación como o Centro Vacacional da Lanzada (150.000€), Príncipe Felipe (168.800€), Santa Clara (360.000€), Palacete das Mendoza (98.000€) e outras intervencións en dependencias provinciais (323.000€). Outro dos piares que sustentan esta modificación de crédito está na concesión de subvencións a entidades de todos os ámbitos que prestan servizo na provincia, é o caso de: Cámaras de Comercio (25.000€), Pont-Up Store (15.000€), Protección Civil (100.000€), Fundación Banco de Alimentos (10.000€), Universidade de Vigo (55.000€ a través de dous proxectos), UNED (40.000€), axudas a deportistas de alto nivel (130.000€) ou ampliación dos fondos do programa +Talento Motor 2025 (12.000€). Así mesmo o Museo de Pontevedra recibe tamén unha inxección de 400.000 euros para a organización da Bienal de Arte de Pontevedra.

Esta modificación de crédito achega tamén os fondos necesarios para a execución do proxecto de Humanización da rúa Antonio Palacios, no Concello de O Porriño, valorado en 645.000 euros. Con respecto a este asunto, o pleno aprobou por unanimidade executar a sentenza do TSXG para incluír este proxecto entre os beneficiarios do programa ReacPon, do que fora excluído no ano 2021 e que posteriormente a Xustiza lle deu a razón.

Dragaxe do Miño e mellora do sistema de dependencia

No apartado de mocións, tamén foi aprobada co apoio do grupo de goberno e do BNG a moción para reclamar ao Goberno de España o pago da débeda histórica do Sistema de Atención á Dependencia en base ao recollido na lei deste ámbito, aprobada no ano 2006, e que ascende a 2.500 millóns de euros para a Comunidade de Galicia, dos que 771 millóns corresponden á provincia de Pontevedra, esixir ao Goberno que cumpra co financiamento do sistema e que cese de inmediato nos recortes ás achegas de Galicia para sufragalo tras diminuílas en máis de cinco puntos porcentuais nos anos 2023 e 2024. Igualmente aprobouse a petición do Grupo Popular para solicitar ao Goberno central a dragaxe do Río Miño ao seu paso polos concellos da provincia. Pola contra, foi rexeitada a petición do PSOE para instar á xunta á gratuidade do aparcamento do futuro Hospital Gran Montecelo.

Outros asuntos da orde do día que saíron adiante foron a modificación dos pregos reguladores do procedemento aberto para a adxudicación do servizo de seguridade e vixianza nos centros da Deputación e o reinicio do prazo de licitación, a modificación do cadro de persoal do Consorcio Provincial de Pontevedra para a prestación do servizo contra incendios e salvamento e a creación do posto de director ou directora de Turismo.

Streaming

Durante a celebración do pleno ordinario correspondente ao mes de marzo, o sistema de retransmisión en liña dos plenos sufriu un problema técnico que provou a caída da emisión. Con todo, a sesión completa está dispoñible para o seu visionado desta ligazón.

Comparte este artigo