Reabre o parque infantil da praza Mestre Mateo, onde o Concello rematou o plan de melloras previsto, coa renovación da estrutura de escalada recreativa 

adminON

Tamén finalizaron os traballos na área de xogos do CEIP María Pita, no barrio de Elviña, onde se substituíu a antiga superficie de céspede artificial por un novo firme de caucho 

O Concello reabriu esta semana o parque infantil da praza Mestre Mateo, unha instalación situada entre o Ensanche e Riazor onde, ao longo deste mes, se executaron diversas melloras orientadas á renovación dos espazos de xogo. 

Ademais dos traballos sobre a superficie de caucho, tamén se acometeu a substitución da antiga estrutura de escalada recreativa, certificada estes últimos días como paso previo á súa reapertura para o uso e desfrute das crianzas. 

Esta intervención dálle continuidade ao plan de actuacións previsto polo Goberno de Inés Rey nos parques e áreas infantís da cidade, que tamén inclúe os centros educativos. Neste sentido, o Concello rematou tamén as actuacións no espazo de xogo do CEIP María Pita, no barrio de Elviña, onde se mudou o antigo pavimento de céspede artificial por un novo firme de caucho, máis seguro, atendendo ás necesidades e demandas formuladas polo colexio. 

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, subliñou o compromiso do Goberno municipal para modernizar e actualizar os parques infantís da Coruña e lembrou que un dos obxectivos estratéxicos presentados no proxecto dos Orzamentos municipais 2025 é a posta en marcha dun plan a curto e medio prazo que recolle un investimento de oito millóns para mellorar os parques infantís actuais, crear outros novos e construír dúas áreas de xogo cubertas ao longo deste mandato. 

“Tal e como subliñou a alcaldesa, Inés Rey, temos o compromiso de facilitar que todas as familias teñan, como mínimo, un parque infantil a dez minutos da súa vivenda”, explicou Díaz.

Comparte este artigo