A Xunta propón unha fronte común de administracións, empresas e expertor para frear unha reforma do regulamento de Costas que xerará inseguridade xurídica e ameazará dereitos adquiridos sobre o litoral

Redacción
Lectura mínima de 10
  • O obxectivo é defender os intereses de Galicia a través dunhas alegacións ao texto proposto polo Goberno central, que, nos termos previstos, é contrario a dereito ao modificar unha lei pola porta de atrás e estendendo ademais a directiva europea de servizos a todas as actividades produtivas do litoral
  • Ante as acusacións de alarmismo do Executivo central, as representantes autonómicas lembran que a modificación proposta permitiría a anulación de prórrogas sobre concesións xa outorgadas, a denegación de prórrogas solicitadas e a aplicación, con carácter xeral, dun réxime máis restritivo ás novas concesións
  • Na Comunidade os cambios afectarían a uns 25.000 empregos dependentes de actividades que se desenvolven no dominio público marítimo-terrestre, entre elas a acuicultura, un sector clave con 2.500 empresas e preto de 4.500 traballadores
  • O futuro de instalacións como estaleiros, empresas da cadea mar-industria, hoteis ou negocios de hostalaría podería verse comprometido se sae adiante esta reforma
  • Denuncian que o Ministerio pretende resolver en poucos meses unha cuestión que leva anos negociando con Bruxelas “con total escurantismo” e subliñan que foi grazas á presión da Xunta polo que se ampliou o prazo inicial para alegar e enviou información clave sobre o impacto da modificación

A Xunta de Galicia propuxo esta tarde impulsar unha fronte común na Comunidade entre administracións públicas, empresas e expertos no litoral para presentar alegacións fronte á reforma do Regulamento Xeral de Costas que está a tramitar en solitario o Goberno central.

O obxectivo é sumar forzas entre todas as partes afectadas para tentar frear unha modificación que, nos termos previstos actualmente, é contraria a dereito e contribuirá a xerar inseguridade xurídica xa que modifica a Lei de costas estatal pola porta de atrás e, ademais, pretende estender a aplicación da directiva de servizos europea a todas as actividades produtivas do litoral, poñendo así en risco os dereitos adquiridos durante anos polas empresas e as persoas que dependen da costa.

Esta foi a principal conclusión do Grupo de traballo constituído hoxe a proposta da Xunta e da Confederación de Empresarios de Galicia para analizar o anteproxecto do Regulamento Xeral de Costas e actuar de forma coordinada na defensa dos intereses da Comunidade e das instalacións asentadas no litoral.

Nesta primeira reunión participaron, por parte do Goberno autonómico, a secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Carmen Bouso, a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Marta Barreiro, e a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, ademais de membros da Comisión Mar-Industria da Confederación de Empresarios de Galicia, da Federación Galega de Municipios e Provincias e do Observatorio do Litoral da Universidade da Coruña.

Tras lembrar que o 15 de abril finaliza o prazo para presentar alegacións ao Real Decreto do anteproxecto de Regulamento Xeral de Costas, as representantes da Xunta explicaron que a súa inquedanza ante os efectos da reforma en tramitación é compartida tamén pola Comisión Europea, a pesar de que o Goberno central leva meses xustificando os cambios na norma polo expediente de infracción aberto en 2023 pola UE contra España por incumprir a directiva de servizos nas concesións no litoral.

Neste sentido, incidiron en que durante a recente viaxe da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático a Bruxelas, a Xunta puido constatar que as autoridades comunitarias temen que o novo regulamento xere inseguridade xurídica e litixios posteriores, así como un conflito social derivado do impacto negativo que pode ter, entre outras cousas, pola vulneración de dereitos adquiridos por parte dos titulares de concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT) que leva implícita, xusto o efecto contrario que se pretendía lograr co ditame da Comisión.

En concreto, explicaron que esta modificación, tal e como figura no propio texto do Goberno central, permitiría a anulación de prórrogas sobre concesións xa outorgadas, a denegación de prórrogas solicitadas e a aplicación, con carácter xeral, dun réxime máis restritivo ás novas concesións, ao tempo que pretende eliminar a figura das prórrogas extraordinarias.

Maior afección en Galicia

Galicia sería unha das comunidades máis afectadas se a modificación do regulamento sae adiante nos termos actuais xa que se estima que hai uns 25.000 empregos dependentes de actividades que se desenvolven no dominio público marítimo-terrestre galego, o que representa uns 3.700 millóns de euros de facturación.

A modo de exemplo, as responsables autonómicas citaron o caso da acuicultura, un sector clave que suma 2.500 empresas e case 4.500 traballadores, pero advertiron tamén que entre as actividades económicas do litoral cuxo futuro podería verse comprometido hai estaleiros, empresas da cadea mar-industria, hoteis ou negocios de hostalaría, de aí que a preocupación da Xunta sexa nestes momentos máxima.

Ante as acusacións do Executivo central, que hoxe mesmo nunha reunión mantida coa Fegamp volveu reprochar o “alarmismo” da Xunta ante a reforma do Regulamento Xeral de Costas, as representantes da Xunta defenderon que o propio ditame da Comisión Europea e as alegacións presentadas polos concellos durante a fase de consulta pública previa (algúns dos cales pediron explicitamente que se excluíra do ámbito de aplicación aos sectores acuícola e marisqueiro) confirman que os cambios “van máis alá do exixido” para que España poida cumprir coas exixencias comunitarias.

Así, subliñaron que a decisión do Goberno central de aplicar a directiva de servizos a todas as actividades e sectores produtivos asentados no litoral suporía, na práctica, equiparar a situación dunha batea ou dunha conserveira coa dun chiringuito de praia cando son instalacións totalmente distintas e coas súas propias singularidades.

Sen diálogo nin transparencia

Ademais, as representantes autonómicas lembraron que o Executivo central iniciou os trámites para reformar o regulamento sen informar previamente ás autonomías, dando pouco prazo para presentar achegas á consulta pública previa e sen convocar a preceptiva Conferencia Sectorial, unha serie de defectos de forma que cuestionan xa de por si a validez do procedemento.

Esta mesma situación de escurantismo e celeridade inxustificada repetiuse no trámite de audiencia e información pública do anteproxecto de Real Decreto, publicado o 9 de marzo sen a preceptiva Memoria de análise de impacto normativo (MAIN) e no que inicialmente se outorgou un prazo de só 18 días hábiles para alegar.

Neste sentido, incidiron en que foi só grazas á presión da Xunta (a través das súas comunicacións ao Goberno central e tras a petición de amparo á propia Comisión Europea) que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico finalmente ampliou o período de presentación de alegacións do 1 ao 15 de abril e enviou información clave para valorar o alcance e impacto da reforma (o MAIN), unha rectificación da que se beneficiaron todas as partes afectadas ou interesadas na reforma do regulamento.

Por todo o exposto, as responsables da Xunta coincidiron en que o Estado pretende resolver agora en poucos meses unha cuestión que leva anos negociando con Bruxelas “con total escurantismo” e sen contar coas comunidades autónomas nin defender en ningún momento os intereses dos sectores económicos potencialmente afectados.

Por iso, censuraron que esta mesma mañá o delegado do Goberno en Galicia asegurara que a vontade do Ministerio é escoitar aos concellos e atender as posibles achegas que se reciban no marco da información pública cando desde o principio a reforma do regulamento se tramitou sen diálogo nin transparencia e a única forma de conseguir información foi sempre pola vía da presión e a insistencia. Neste sentido, tamén lamentaron que minimizara ante a Fegamp o impacto da reforma sobre os concellos costeiros e insistira en que vén imposta por Europa, cando a realidade é ben distinta.

Comparte este artigo